Loureiro lembra que a Deputación é a entidade que máis colabora con Viveiro

O PSOE de Viveiro amósase sorprendido polas declaracións da alcaldesa, que anunciou tras a súa segunda visita á Deputación de Lugo en sete meses, dende que está no goberno, e destacou que Ile confirmaron o mantemento das subvencións do Belén Viveiro e da Semana Santa.
Dende o grupo socialista considérase positivo que a Deputación siga colaborando con Viveiro -como leva facendo dende hai anos-, pero tamén lembran que é a administración que máis está axudando ó Concello no que vai de ano, e os últimos quince anos, moi por enriba da Xunta.
O PSOE entende que é bo que a alcaldesa se reúna coa Deputación, pero resulta de moita cara e pouca memoria esixir agora todo o apoio, cando durante anos, estando na oposición e formando ela mesma parte da Xunta de Galicia con postos de responsabilidade, non moveu un só dedo por Viveiro.
"Durante o goberno socialista a Xunta non recibiu nunca á anterior alcaldesa María Loureiro, nin Feijoó nin Rueda nin ningún conselleiro aceptaron unha reunión en Santiago. E agora, en só sete meses, a actual alcaldesa foi recibida dúas veces polo Deputado da Área de Xestión Territorial, quen amosou en todo momento unha actitude de plena colaboración”, explican desde o PSOE.
O grupo socialista lembra tamén que Deputación de Lugo foi sempre a administración que garantiu a igualdade entre concellos, gobernase quen gobernase, xa que O Plan Deputación asigna fondos a todos os municipios en función da poboación.
“Só por ese plan, Viveiro recibirá en 2026, máis de medio millón en euros, unha cantidade fixa e obxectiva que permite financiar obras e servizos, algo que a Xunta nunca fixo, nin garantiu" subliñan dende o PSOE.
O PSOE de Viveiro conclúe que a Deputación foi e segue sendo a que sostén os proxectos e servizos do concello, e chama á alcaldesa a practicar coherencia e memoria política: "Está ben pedir, pero tamén hai que recoñecer quen apoiou sempre a Viveiro e quen a ignorou durante anos".