Loureiro convocou aos alcaldes e comité de empresa de Vestas a unha reunión
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, convocou aos alcaldes e alcaldesas da Mariña a unha reunión que terá lugar este vernes, 24 de setembro, ás 19.00 horas.
Na reunión, que será no Concello de Viveiro, se falará do anuncio de peche de Vestas, considerando que esta decisión da empresa afecta a todos os municipios da comarca.
Tamén se convidará ao comité de empresa de Vestas para asistir, se así o desexan, a esta reunión.
O pasado luns, coñecíase a intención da empresa Vestas de pechar a súa fábrica de Viveiro, unha decisión que suporía que 115 traballadores perdan o seu emprego.
Esta inesperada noticia, súmase á situación na que se atopa a empresa Alcoa San Cibrao e supón un agravamento da situación da industria e o emprego da comarca, polo que se entende necesaria a convocatoria desta reunión para facer unha fronte común.
Loureiro demanda “a todas ás administracións que reaccionen e convoquen de inmediato á dirección da empresa para intentar un cambio de postura”.
DEPUTACIÓN
O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá á Xunta o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno provincial, medidas de apoio ós traballadores e traballadoras afectados polo anuncio de peche das instalacións de Vestas en Viveiro e para as súas familias. Nesta proposta tamén demanda “un plan de reindustrialización para a Mariña, con medidas concretas, achega orzamentaria, proxectos definidos e un calendario de execución e avaliación de resultados”.
Esta mesma semana, os tres grupos políticos representados na Corporación da Deputación acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional nunha Xunta de Voceiros e Voceiras convocada polo Presidente, na que expresan o apoio aos traballadores e ás súas familias, e o compromiso de traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo.
O PSdeG subliña que a Xunta de Galicia debe tomar medidas porque, por Lei, son súas as competencias en industria, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 30.
A pesar diso, “o Partido Popular non fixo absolutamente nada ó respecto nos 12 anos ao fronte da Xunta”, aseguran os socialistas, algo que constatan os feitos: “o sector industrial galego perdeu arredor de 12.000 empregos nos anos anteriores á pandemia, e o seu peso no conxunto do PIB, que leva en caída moitos anos, redúcese a apenas un 16%”. Mentres tanto, en países da fachada atlántica como Irlanda, cunha cultura que garda moitos puntos de contacto coa galega, o peso da industria no PIB acada o 33%.
Así as cousas, sinalan que “a comarca da Mariña leva tempo inmersa na preocupación que xera a situación xerada pola multinacional Alcoa, e agora suma un novo peche dunha industria importante, para a comarca e para a provincia, sen que se achegue dende o Goberno de Feijóo un só proxecto, un só plan pensado para reactivar a economía lucense”, advirten.
Hai que lembrar que o Pleno da Deputación de Lugo “reclamou en varias ocasións ó Goberno da Xunta un plan de industrialización para a Mariña e para o conxunto da provincia de Lugo, sen obter outro resultado que o silencio”. Neste intres, “A Mariña está a sufrir unha crise industrial, de perda de emprego e de proxectos de futuro, motivada porque a Xunta de Galicia no cumpre coas súas competencias, nin fai o seu traballo”.