López Couto defende o investimento en cultura en Foz e acusa ao PP de querer silenciar o goberno local

A concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, cargou contra a oposición tras as críticas do Partido Popular pola perda dunha subvención para a Escola de Música. “O investimento en cultura demostra o traballo, aínda que o PP nos queira calar”, afirmou. López Couto rexeita as acusacións e considera que a oposición, lonxe de fiscalizar con criterio, actúa unicamente para poñer trabas ao goberno local. “O voceiro do PP aínda se resiste a asumir que xa non está no goberno”, engadiu.
A edil de Cultura explicou que a falta de solicitude da subvención ED314E para escolas de música foi un erro administrativo, pero non afectou ao funcionamento nin ao financiamento do servizo. “No 2023 presentámola e concedéronnos 3.254 euros. Pero esta subvención sae cando lle cadra á Xunta, sen periodicidade fixa, polo que se tiveramos que depender dela, xa podiamos pechar a Escola”, argumentou.
López Couto tamén aproveitou para criticar a xestión do anterior goberno do PP en materia cultural, asegurando que os fondos recibidos se destinaban unicamente ao pago de nóminas sen investir en novos instrumentos. Pola contra, destaca que no actual mandato o Concello leva investidos máis de 350.000 euros en infraestruturas culturais.
A concelleira acusou ao PP de lanzar ataques infundados e lembrou que o seu portavoz tamén deixou escapar subvencións cando gobernaba. “Se pensa que me vai calar porque non lle gustan as miñas respostas, está moi equivocado”, concluíu, instando á oposición a traballar polo ben de Foz en lugar de dedicarse a “comedias”.