Loita Amada, Tecor Societário, Catuxa Salom e Ugía Pedre estarán no Festival Aturuxo de Bravos de Ourol

AMariñaXa
Loita Amada, Tecor Societário, Catuxa Salom e Ugía Pedreira estarán no Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo.
Sinatura Festival Aturuxo
4 Maio 2024

Loita Amada, Tecor Societário, Catuxa Salom e Ugía Pedreira estarán no Festival Aturuxo de Bravos, que se celebrará os días 19 e 20 de xullo. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un acordo de colaboración co alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, a través do que a institución provincial destina preto de 20.500 euros para o evento. “Unha cita con entrada gratuíta creada para fomentar e dinamizar a parroquia de Bravos a través da música, pero tamén para promocionar o territorio”, afirmou José Tomé.

Os avances do cartel amosan que será unha edición moi atractiva e que “contribúe a difundir e a poñer en valor a nosa riqueza cultural, a música e tradicións e, ao mesmo tempo, dinamiza a vida social e a economía no noso rural, e atrae un turismo de calidade e sostible, o modelo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo porque coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.

A música que ameniza este festival é sempre en galego, música folk, rock, pop, e incluso xogando co humor, “algo que nos parece moi a destacar, ao tempo que os veciños e veciñas de Bravos se involucran, algo que é fundamental para o éxito de iniciativas deste tipo”, afirmou José Tomé.

Para o presidente, a organización deste certame en Bravos “pon en evidencia o que defendemos dende a Deputación. O noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de propostas. O que necesita son políticas públicas para saír adiante”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para convidar aos veciños e veciñas da comarca e da provincia a achegarse a Ourol “para gozar deste festival único e gratuíto, e para coñecer a parroquia de Bravos, un lugar que conta con moita tradición e historia”.

Festival próximo e diverso

O Festival Aturuxo defínese a si mesmo como un festival diferente para público familiar, inclusivo e próximo, onde a diversidade e a cultura galega son as protagonistas. O entorno rural no que se leva a cabo é o escenario perfecto para que as diferentes xeracións compartan as potencialidades de cada unha e que todos se fagan conscientes da importancia de coidar o patrimonio sociocultural e ambiental.

O XII Festival Aturuxo celébrase en dúas xornadas: 19 de xullo pola tarde-noite e 20 de xullo durante toda a xornada. O venres celebrarase a tradicional cea de irmandade e posterior concerto de grupo a pé de rúa, para logo rematar cunha foliada popular. O sábado, a música soará dende o mediodía e pola tarde haberá xogos interxeracionais, obradoiros e actuacións cómicas ou teatrais, dirixidas a todos os públicos. Haberá dispoñible servizo gratuíto de autobús para facilitar os desprazamentos.

0.19238805770874