Foz programa actividades de Cultura na Rúa en recordo da Festa Normanda

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Foz programa actividades da iniciativa Cultura na rúa en recordo da Festa Normanda esta fin de semana, sábado e domingo.
27 Ago 2020

O Concello de Foz programa actividades da iniciativa Cultura na rúa en recordo da Festa Normanda esta fin de semana, sábado e domingo.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “este ano por mor do COVID-19 non se pode celebrar a Festa Normanda, pero temos unha programación cultural en recordo, con sentidiño”.

O sábado Perkusiona ofrecerá un pasarrúas de batukada a partir das 13:00. Á mesma hora na paseo da Rapadoira terá lugar un concerto do grupo Super Glu. Na Praza Conde de Fontao haberá o espectáculo infantil Os Monifates ás 18:00 e ás 20:00 horas e o espectáculo circense de Troula Animación ás 19:00 horas. Ás 21:00 horas haberá de novo pasarrúas de batukada a cargo de Perkusiona. E rematarán as actividades desa xornada cun novo concerto do grupo Super Glu ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao.

E o domingo José Brea e Pocho Taxes ofrecerán dous concertos: ás 13:00 horas no paseo da Rapadoira e ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao.

MENUS

ACIAFozCCA rende homenaxe á Festa Normanda, que este ano non se poderá celebrar debido á pandemia do Covid, cos menús normandos que ofrecerán varios establecementos da vila este venres e tamén o sábado.

Un total de trece locais hostaleiros participan nesta iniciativa gastronómica que se leva a cabo coincidindo co décimo aniversario da Festa Normada. Estes establecementos son: Xoyma, Dandy, Happy Days, Acuario, As Brasas, O Carro, Casa Damián, O Lar, Hotel Oca, Espacio Machete, Bar 78, Porto Chico e Tangarte Mariñeiro.

O presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, subliñou que “con esta iniciativa pretendemos que a xente non se esqueza da festa e a celebre, na hostalería ou ben levando os manxares para as súas casas, con sentidiño e respectando as normas sanitarias que están en vigor neste momento”.

Paleo engadiu que “queremos manter vivo o espírito da Festa Normanda nun fin de semana no que celebraríamos a súa décima edición. Por mor do Covid a festa, como tal, non se poderá desenvolver, pero si a desfrutaremos a nivel gastronómico, o que nos dará a oportunidade de estar coa a familia e cos amigos de tertulia lembrando as anécdotas das edicións anteriores”.

0.18870306015015