Listo o programa festivo da Romaría do Naseiro
A comisión de festas do Naseiro, Viveiro, fixo publico o programa festivo da Romaxe do Bo Xantar para este ano 2022.
Así, do 26 ao 31 de agosto, organizarase na parroquia de San Pedro de Viveiro, no val de Naseiro, a beiras do río Landro, a Romaría de Naseiro. A romaría tamén é coñecida como Romaxe do Bo Xantar pola gran cantidade de inxesta de comida e bebida da cal gozan os centos de romeus que acoden a esta celebración popular, declarada de Interese Turístico Nacional.
O venres 26 celebrarase o Día do Polbo, que estará amenizado pola charanga Os Atrevidos, e o sábado 27 será a misa ás 13.30 horas con posterior procesión en honra á Virxe dos Remedios. A continuación terá lugar a sesión vermú. co grupo JB Son e a orquestra Stereo.
O domingo 28, ás 13.30 horas oficiarase a misa solemne en honra á Virxe dos Remedios, seguida de procesión. A continuación os presentes poderán desfrutar coa sesión vermú e coa verbena a cargo do grupo Arizona e La Bamba.
O luns 29 os presentes poderán asistir á sesión vermú e a verbena amenizada pola orquestra Fuego e Tania Veiras, e o martes 30 será a quenda do grupo Kalima e a orquestra Suavecito.
O derradeiro día, o mércores 31, é o Día do Neno no que haberá atraccións a prezos populares no campo da festa.