Listo o cartel das festas do San Lourenzo de Foz

Foz
AMariñaXa
A asociación O Noso Foz, organiza dende os días 8, 9, 10 e 11 de agosto diversos actos para celebrar San Lourenzo que inclúen moita música.
presentacion festas san lourenzo foz 2023
5 Ago 2023

O Concello de Foz e a asociación O Noso Foz presentaron o cartel das festas do San Lourenzo. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “coma todos os agostos, Foz énchese de música e cor coas súas festas do San Lourenzo. A asociación O Noso Foz e o Concello presentan un cartel cheo de actividades para todos os públicos, que engade ao municipio atractivo para visitalo”.

Inés López engade que “esta semana o pistoletazo de saída dáse o domingo 6, día en que se celebrará o IV Festival de Bandas Vila de Foz. Organizado pola Banda de Música de Foz coa colaboración do Concello, contará coa actuación da Banda de Música Municipal de Meira e da Banda Sons e Soños, ademais da anfitrioa. O concerto será ás 20.00 horas na praza Conde de Fontao. A vindeira semana será a grande das festas do San Lourenzo, que pregoará Javier Alonso, máis coñecido como Chingla. O pregón será o vindeiro martes 8 de agosto, ás 20.30 horas na praza Rosalía de Castro, coa actuación de Mar Aberto. As verbenas darán comezo o mércores na explanada portuaria, a partir das 22.30 horas coa actuación de Grupo Beatriz e Fania Blanco Show. O xoves 10, día de San Lourenzo, haberá misa solemne con procesión ás 12.00 horas e a continuación sesión vermú coa orquestra Miramar. Pola noite o Trío Nostalgias de Vigo  actuará a partir das 21.30 horas na praza Conde de Fontao. Ás doce da noite terá lugar o tradicional espectáculo pirotécnico no paseo de Laredo (Praia da Rapadoira) e á finalización a verbena será a cargo de Miramar e a orquestra Finisterre na explanada portuaria. O venres 11 a partir das 22.30 horas poderase desfrutar do Grupo Bomba e da orquestra Marbella. Pero non só hai verbenas no cartel do San Lourenzo, xa que o sábado 12 será o turno do Festival Vrao, que a partir das 21.30h encherá de sons independentes a praza Conde de Fontao. Grupos galegos como Sabela & heartbreakers, Grande Amore, Boyanka Kostova, Malándromeda e Carlangas actuarán xunto cos mellores djs. Xa o domingo 13, na praza Rosalía de Castro ás 21.30h será a presentación do novo disco de Chingla, Cantarche ei Galicia, co acompañamento de Tito Calviño e Sito Sedes. E o luns 14 chegará a Banda do Verán á praza Conde de Fontao para que os máis pequenos desfruten cantando con eles ás 20.30 horas. Para continuar o martes 15 coa festa acuática na Praia de Tupide, que se celebrará entre as 16 e as 19.30 horas. Unha semana que culminará coa Feira do libro, como é tradicional en Foz.

“Os departamentos de Cultura e Festas traballaron arreo para programar todas estas actividades, ademais do grupo que conforma a Comisión de Festas O Noso Foz. Queremos agradecer o seu enorme traballo para sacar as festas adiante, sen eles non sería posible”, indica o concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira.

Pola súa parte, a presidenta de O Noso Foz, Fátima Novo, agradece “o incansable traballo dos meus compañeiros de comisión, así como da indispensable colaboración do Concello para que entre todos teñamos as mellores festas posibles.”

A concelleira de Cultura explica que “desde o Concello queremos apoiar a cultura máis e menos coñecida, pequenos-grandes artistas que crecen día a día con nós e que están ao lado da nosa porta. Este verán chegou o festival Abanea, ensinándonos que a danza é a gran descoñecida do mundo cultural, e agora continuamos con música co festival Vrao.”

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, recorda que “o espectáculo pirotécnico foi desde sempre un dos eventos máis máxicos do noso verán. Queremos informar a todos aqueles que desfrutan das súas mascotas dos pormenores do evento para que os animais sufran o menos posible. Pedimos comprensión e desculpas por anticipado" e desexa “a veciños e visitantes unhas felices festas de San Lourenzo”.

0.20311689376831