Lionel Rexes: “O galego é a miña lingua de referencia para a literatura”
Por Ana Somoza López.
O escritor alfocego Lionel Rexes foi premiado recentemente polo seu relato Aliento de cárcel.
De onde vén o seu amor pola escritura?
De neno lía moito e cando os argumentos non me convencían (mesmo os dos cómics), escribía a miña historia aproveitando os personaxes da obra que viña de ler. Xa de adolescente comecei a fixarme nas columnas periodísticas e editoriais dos xornais, e prestábame moito máis iso ca ler as noticias; agora decátome de que era porque eses textos agochaban unha semente literaria.
Vostede naceu en París, por que se mudou a Alfoz?
Veño dunha familia da emigración. En París só vivín ata os tres anos, despois os meus pais optaron por Madrid para montar un negocio. Alí estudei e vivín ata os 23 anos. En 1994 estabelecinme en Alfoz, onde os meus construíran unha vivenda. Cal foi o motivo? Que ao ter medrado nun ámbito profundamente galeguizador (a colectividade galega era moi ampla en Madrid e conservaba o idioma, a cultura, certas tradicións…) sempre me identifiquei con Galicia e acabei sentindo a súa identidade como propia.
Cando comezou a escribir e que lle impulsou a escribir o seu primeiro libro?
Escribir, escribo desde sempre. De maneira seria e rigorosa hai trece anos, cando me concederon un premio literario por primeira vez; isto abriume o camiño. O primeiro libro que me publicaron foi ‘A raíña das velutinas’, aínda que antes xa publicara un caderno sobre os ditos e os refráns propios da comarca do Valadouro. ‘A raíña das velutinas’ nace dun encontro na Casa da Penela (Vilamor, Mondoñedo) co derradeiro guerrilleiro vivo, Francisco Martínez “Quico”, nado no Bierzo en 1925.
Cantos libros leva?
‘A raíña das velutinas’ (Xerais, 2017), ‘A montaña do poeta’ (Xerais, 2022), e en maio sairá ‘Nove lúas,’ publicado por Edicións Embora. As dúas novelas publicadas por Xerais obtiveron os premios Lueiro Rey do Concello do Grove, e a terceira foi recoñecida co premio Neira Vilas, que convoca a propia fundación.
Recentemente recibiu o premio XXIII Certamen Internacional de Relato Corto Encarna León de Melilla. Como o recibiu?
“Empecei na narrativa breve, pasei á novela, probei no teatro infantil, e ultimamente fixen unha incursión na poesía”
Recibín a noticia con moita emoción porque non o imaxinaba. As bases exixían unha temática moi concreta (igualdade, denuncia da discriminación da muller…) e isto sempre estabelece unhas expectativas que o autor non sempre é capaz de cumprir. Cando souben que se presentaran 577 obras procedentes de todo o mundo sentín vertixe, e aínda hoxe me pregunto onde radica o acerto. Supoño que na sutileza á hora de tratar certas cuestións difíciles de abordar, como a vulnerabilidade dunhas prisioneiras recluídas nun calabozo.
De que trata ‘Aliento de cárcel’?
Parto de feitos históricos mesturando os datos sobre o calabozo de presas políticas de Correlos coa morte do “Gardarríos” en 1948. É unha historia da posguerra que recrea a angustia dun grupo de mulleres detidas pola súa militancia ideolóxica ou polos seus vínculos con persoas leais á República. Ata hai uns meses, o antigo calabozo formou parte das dependencias dun restaurante, hoxe pechado, e eu teño visitado ese habitáculo de pedra en moitas ocasións. ‘Aliento de cárcel’ é, por riba de todo, unha homenaxe ás mulleres que alí sufriron presidio, mais tamén ás mulleres de Correlos que me transmitiron a historia do calabozo.
Alfoz inspíralle para escribir?
O Alfoz do Castrodouro, como a min me gusta chamarlle por razóns históricas, é un territorio cheo de lendas, mais tamén de sucesos unidos á Historia con maiúsculas que non todo o mundo coñece. Por exemplo, o xuíz que condenou a Mariana Pineda no século XIX era natural de Adelán; isto só é un pequeno exemplo. Eu resido no barrio de Correlos, na parroquia de Mor, e aquí hai moitas historias vinculadas coa Guerra Civil, coa posguerra, cos escapados, mais tamén unha historia negra de crimes e desterros. O meu territorio inmediato supón unha fonte de materia inesgotable.
Escribe en galego ou castelán? Cal prefire?
O galego é a miña lingua de referencia para a literatura e para a vida en xeral. Nesta ocasión optei polo castelán por tratarse dun premio internacional que o demandaba nas bases do certame, mais téñome presentado en galego a certames de fóra de Galicia se así o contemplaban as bases. Como xa dixen, para min a lingua galega é unha opción vital.
Valora os clubs de lectura como ferramentas divulgadoras da cultura?
Por suposto, creo que debera existir un en cada Concello, do mesmo xeito que hai bibliotecas de ámbito municipal. Facer unha presentación literaria ante un club de lectura é toda unha experiencia. Moitos lectores, ao estar tan afeitos a ler, analizan a obra con precisión cirúrxica. Encontrei verdadeiros expertos en literatura nos clubs de lectura.
Aféctanlle as críticas?
Se veñen de lectores téñoas moi en conta. Para min o lector é unha figura á que teño sumo respecto. Aprendo moito deles cando me chegan comentarios a través das redes sociais. As críticas “oficiais” publicadas en medios de comunicación non me preocupan; por outra banda, debo dicir que nunca recibín ningunha crítica destrutiva, todo o contrario.
Pódese vivir de escribir libros?
Se es metódico e disciplinado e tomas a literatura como un emprego, si. Para iso debes cumprir unha xornada laboral como en calquera outro traballo, non fiarte diso que chaman inspiración nin agardar a visita das musas. As ideas saen de botar moitas horas diante do computador e mais do caderno de anotacións que vai comigo en todo momento. Por outra banda, os premios, a colaboración en publicacións especializadas, a participación en xurados literarios, as actividades en entidades culturais, centros educativos, feiras do libro, etc., completan os ingresos do escritor profesional.
Cal é o seu xénero preferido? E escritor?
Esta si que é unha pregunta complexa! Nin sequera sei que xénero cultivo porque os críticos coinciden en que as miñas obras mesturan varios deles. Empecei na narrativa breve, pasei á novela, probei no teatro infantil e tivo recoñecemento, ultimamente fixen unha incursión na poesía e sorprendéronme cunha gratificación… Se me pides un estilo dentro da narrativa podería mencionar o thriller, sen confundilo coa novela negra, que é outra cousa. Os meus autores preferidos son Cunqueiro, Rosalía, Manuel Lourenzo, Álvarez Torneiro, García Márquez, Benedetti… mais existen outros proxectos literarios magníficos como Aldaolado ou as propias letras de Sés.
“Creo que debera existir un club de lectura en cada Concello, do mesmo xeito que hai bibliotecas de ámbito municipal“