Limpan os fondos na praia portuaria de Celeiro

AMariñaXa
Mergulladores do CAS Costa de Lugo participaron na actividade solidaria e altruísta
limpeza_cas_costa_norte_celeiro
Xornada de limpeza
1 Xuño 2024

O sábado 1 de xuño desde as 9 da mañá ata as 12 do medio día mergulladores do CAS Costa de Lugo (Centro de actividades subacuáticas-Club de Mergullo) participaron nunha actividade de limpeza de fondos mariños. Ao redor de vinte mergulladores dedicáronse durante máis de dúas horas a limpar os fondos na praia portuaria de Celeiro nunha iniciativa solidaria e altruísta do centro.

En representación do sector pesqueiro estivo presente o secretario da Confraría de Pescadores, Máximo Díaz, e tamén estivo o concelleiro do Mar do Concello de Viveiro, así como que o presidente do CAS. Diversos voluntarios dedicáronse a limpar o areal da praia portuaria, que en días pasado fora tamén xa limpado por alumnos do María Sarmiento e o venres por alumnos do centro Aspanane.

Ao final da xornada rexistrouse unha satisfacción xeral pola recollida dos residuos e a valoración foi moi positiva dado que, “recolleuse menos lixo que a última vez que se fixo outra actividade deste tipo antes do Covid”. Os mergulladores destacaron en xeral o bo estado do fondo, onde din hai algún que outro cabo, algunha nasa, pero en xeral o estado da dársena pódese cualificar como bo.  O secretario da Confraría de Celeiro sinalou que “estamos moi satisfeitos de colaborar co Cas Costa de Lugo, é xa a segunda vez e non descartamos que se faga máis veces”. Destacou que “o menos que podemos facer é colaborar, como sector pesqueiro somos os primeiros interesados en implicarnos en coidar, rexenerar, conservar e preservar do medio mariño”.

O tema dos residuos e o lixo mariño é algo que nos afecta a todos, “é un problema global, o ser humano xera o 100 % dos residuos mariños e desa porcentaxe o 80 % corresponde a residuos plásticos. Se seguimos así no 2050 hai estudos preocupantes que sinalan que os plásticos serán un problema preocupante para os océanos”.

0.14459609985352