Limp Bizkit actuará por primeira vez en Viveiro como cabeza de cartel do Resurrection Fest Estrella Galicia 2026

O Resurrection Fest Estrella Galicia vén de anunciar unha das sorpresas máis esperadas polos seguidores do festival: a incorporación de Limp Bizkit como cabeza de cartel na edición de 2026. A icónica banda estadounidense, considerada unha das formacións máis influentes do nu-metal, actuará por primeira vez en Viveiro o próximo verán, nun concerto exclusivo que será o único que realicen en territorio español ao longo de todo o ano.
O regreso do grupo ao noso país chega tras máis dunha década sen pisar escenarios estatais, nun momento de plena forma, con presenza nos principais festivais internacionais e co seu legado recoñecido a nivel global. Desde a organización destacan que o show promete ser un dos momentos máis memorables tanto na historia do Resurrection Fest como na escena musical do Estado.
A próxima edición do festival celebrarase os días 1, 2, 3 e 4 de xullo de 2026, e preséntase como unha das máis ambiciosas e espectaculares ata a data, consolidando ao Resurrection Fest Estrella Galicia como un dos eventos de referencia do rock e do metal en Europa.
Un ano máis, o festival contará co respaldo institucional da Xunta de Galicia, a través do programa Concertos do Xacobeo, así como co apoio da Deputación de Lugo e do Concello de Viveiro, que continúan a apostar polo Resurrection como motor cultural, económico e turístico da comarca e do país.
Do mesmo xeito, Estrella Galicia manterase como patrocinador principal do evento, unha colaboración que se remonta á primeira edición en 2006 e que converte a marca nunha peza esencial do ADN e da historia do festival.
A organización adianta que haberá máis novidades nas vindeiras horas, que se darán a coñecer a través das redes sociais oficiais do Resurrection Fest.