Lieiro prepárase para unha fin de semana chea de música e tradición na honra de Santa Isabel

AMariñaXa
As festas máis destacadas do verán cervense celebraranse do 4 ao 7 de xullo con orquestras de renome, misa solemne, procesión e sardiñada popular
Cervo-festas-Lieiro-xullo-2025
4 Jul 2025

A parroquia de Santa Isabel de Lieiro, no concello de Cervo, xa ten todo listo para celebrar a súa fin de semana grande. Do venres 4 ao luns 7 de xullo, a veciñanza e visitantes poderán gozar dun completo programa festivo na honra da patroa, Santa Isabel, nunha das citas máis esperadas do verán mariñán.

A presentación oficial do evento contou coa presenza da alcaldesa, Dolores García Caramés, do concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e de representantes da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, encargada da organización con apoio do Concello. A rexedora quixo destacar “o traballo exemplar da comisión, que mestura xeracións e reflicte o compromiso coa cultura local”.

A festa arrinca o venres 4 de xullo ás 23:00 horas coa Festa da Xuventude, animada por DJ Alejandro Martínez e a Conxuro Discomóbil.

O sábado 5, a programación comeza ás 13:00 h coa misa solemne na capela do Gioncho e continúa coa sesión vermú a cargo da orquestra Ritmo Joven. Á noite, desde as 22:30 h, a verbena estará animada por dúas formacións moi recoñecidas: Panorama e de novo Ritmo Joven.

O domingo 6, celebrarase a misa solemne ás 12:30 h na igrexa parroquial, cantada pola coral Terra Mar, seguida da procesión. A sesión vermú correrá a cargo do Grupo Da Silva. Pola noite, desde as 22:30 h, as orquestras Gran Parada e Waikas ofrecerán unha nova verbena.

As festas pecharanse o luns 7 de xullo, cunha actuación do grupo Mistura de Lieiro ás 19:00 h, seguida da tradicional sardiñada popular ás 20:00 h. A verbena final contará con Tania Veiras e a orquestra Galilea, que comezarán a actuar a partir das 21:30 h.

Desde o Concello animan a toda a veciñanza e ás persoas visitantes a participar dunha celebración “plenamente consolidada e cun cartel de primeira que cada ano medra en participación e recoñecemento na comarca”.

⚙ Configurar cookies
0.15995693206787