Licitan as obras de reforma no CEIP Juan Rey de Lourenzá
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou o proceso de licitación de obras en numerosos centros de ensino da provincia de Lugo, entre os que se atopa o CEIP Juan Rey do Concello de Lourenzá, no que se farán obras de mellora e reforma das instalacións cun orzamento que de 317.935 euros.
Dende o Concello explican que esta actuación "xa se leva loitando dende hai tempo e que foi solicitada á Xunta despois dun acordo plenario que contou co apoio de todos os grupos políticos que forman a corporación".
As obras consisten na substitución de portas e ventás, por unha carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia. A apertura será oscilobatente. Inclúese tamén a substitución das caixas de persianas e capialzados.
Entre os traballos figura tamén o illamento de cuberta do forxado horizontal e a colocación de falso teito acústico en aulas, biblioteca e comedor, así como colocación de falso teito en aseos de placa vinílica normal con placas de 60x60 cm.
Tamén realizarase unha substitución de luminarias por equipos LED, con regulación lumínica e detectores de presenza en aulas, zona administrativa, biblioteca e comedor.
Enganden a substitución de radiadores en mal estado e reparación de pequenas avarías en tubaxes. Pintado de paramentos interiores nos que se actúa pola substitución de carpinterías e a colocación dunha pérgola similar ás existentes no centro na escaleira de acceso principal.
O prazo de execución destes traballos é de dous meses e o período para que as empresas presenten as súas ofertas aínda estará aberto ata o 4 de outubro.