Licitado o proxecto de estabilización medioambiental na praia de Llas
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere agradecer ao Delegado do Goberno, á Subdelegada e ao Xefe Provincial de Costas o compromiso co Concello de Foz. A finais do mes de xaneiro sacouse a información pública o proxecto de Estabilización Medioambiental de Llas e pouco máis de 6 meses despois xa sae a contratación a obra, por 412.000 euros. “O compromiso con Foz estase marcando con feitos, non con palabras ou promesas baleiras”, destaca o rexedor municipal.
A actuación proxectada inclúe a eliminación de especies exóticas e a restauración con autóctonas, a colocación de paneis divulgativos, o encauzamento do afluente central da praia mediante pilotes de madeira para evitar a erosión así como a construción dunha nova pasarela de madeira na zona central da praia e a adecuación do estacionamento situado no final da Rúa do Vicedo.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 20 de setembro deste ano 2022 e a duración prevista das obras é de 12 meses.
O alcalde móstrase moi satisfeito: “a finais do mes de xullo saía a contratación, tamén pola Secretaría de Estado de Medioambiente, o paseo marítimo entre Peizás e a Pampillosa por 1,09 millóns de euros, contrato ao que se suman agora as actuacións en Llas por algo máis de 412.000 euros. Isto anímanos a seguir traballando para conseguir máis investimentos necesarios para Foz. Queremos agradecerlle ao Goberno Central o interese que mostra polas nosas demandas, como no anuncio, de hai só 5 días, de aprobación do proxecto de rotondas en Cangas”.