Licitadas as obras dos colectores e da nova depuradora de Foz

Foz
AMariñaXa
Licitadas as obras dos colectores e da depuradora de Foz, que triplicará a poboación servida e multiplicará por 9 a capacidade de tratamento
foz obras licitacion edar colector
16 Dec 2021

Trátase de acabar coas deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento municipal para lograr os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando se incrementa significativamente a poboación

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación por máis de 12,2 M€ das obras dos colectores e da nova depuradora de Foz, que permitirá triplicar a poboación servida e multiplicará por 9 a capacidade de tratamento actual.

Tal e como explicou, trátase de acabar coas deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa significativamente a poboación.

Concretou que o obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato a mediados de 2022 e poder iniciar as obras contra finais de ano, xa que o prazo de execución é de 33 meses: os 3 primeiros para redactar o proxecto construtivo; 18 meses para a execución das obras; e 12 meses para a posta en marcha da nova depuradora. As empresas interesadas en realizar os traballos teñen de prazo ata o 26 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A conselleira indicou que a intervención licitada, que supón a construción dunha nova depuradora de augas residuais e dun tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores, se enmarca na liña de apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración.

Precisou que a nova depuradora situarase nun novo emprazamento, en Caldouceiro, terá un caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender 22.342 habitantes: con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.

Tal e como recolle o proxecto definido en Augas de Galicia, o bombeo de cabeceira realizarase na avenida de Viveiro, onde chega o colector por gravidade que conduce as augas residuais desde o tanque de tormentas e o bombeo de Llas. A impulsión chegará ao punto alto, polo que non son necesarios bombeos intermedios.

Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora. Será esta unha infraestrutura con capacidade de 1.000 m³, dotada de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal, funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliarase o caudal e a capacidade dos bombeos de Llas 1 e Llas 2, dotándoos de medición de caudal, sistema de alarmas e funcionamento autónomo, tamén con envío de datos e asignación de consignas desde a depuradora.

A conselleira sinalou que se manterá a rede de colectores por gravidade que trae a auga residual ata a actual depuradora e os bombeos existentes, pero tamén se executará unha nova rede de colectores por gravidade e bombeos para facer chegar a auga residual á nova estación de tratamento, dispoñendo 4,7 km de novas conducións. Así, executaranse 4 novas impulsións: desde o tanque de tormentas, desde os bombeos de Llas 1 e Llas 2 e desde a avenida de Viveiro; e colectores por gravidade na avenida de Viveiro, de Llas 1 a Llas 2 e da depuradora ao medio receptor.

Unha vez rematada a construción da nova depuradora e constatado o seu bo funcionamento, procederase á demolición da depuradora actual.

Estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos FEDER, no marco do programa operativo 2014-2020.

Axilidade para a concesión definitiva por parte de Costas

Ethel Vázquez destacou que con esta licitación a Xunta está a dar os pasos necesarios para mellorar o sistema de saneamento de Foz, financiando integramente a actuación e apoiando ao Concello nas súas responsabilidades co fin de ofrecer servizos de calidade aos veciños.

Incidiu en que a Xunta prevé iniciar as obras no último cuadrimestre de 2022, para o que agarda dilixencia e axilidade na concesión da autorización definitiva por parte da Dirección Xeral da Costa e o Mar. Lembrou que a Xunta leva xa moito tempo axudando ao Concello para a tramitación desta concesión de Costas, pola que houbo que agardar 36 meses para poder licitar este contrato de proxecto e obra dos colectores e da nova depuradora de Foz.

Ethel Vázquez lembrou a importancia dunha boa explotación das infraestruturas hidráulicas que se executan e o apoio que a Xunta lle vén prestando aos municipios para a correcta prestación destes servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de responsabilidade municipal.

Nese marco de implicación e de apoio que o Goberno galego vén prestando aos concellos, Ethel Vázquez referiuse ao impulso da Lei de mellora do ciclo integral da auga, coa que se redobrará a axuda aos municipios que o soliciten de xeito voluntario na prestación dos servizos da auga.

Tamén abundou no apoio aos concellos na Mariña, onde a Xunta impulsa actuación importantes para a mellora da calidade das augas das rías, tendo en conta a incidencia que isto supón para a saúde, para o medio e para actividades como a pesca ou o marisqueo: a mellora do saneamento e depuración de Burela, o saneamento de Celeiro-Viveiro con case 8 M€ de investimento, e a actuación de Foz que se licita.

foz obras licitacion edar colector 1
0.15523314476013