Licitadas as obras de rehabilitación do CEIP de Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades licita as obras de rehabilitación integral do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Riotorto, ás que destina un orzamento de 530.
23 Dec 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades licita as obras de rehabilitación integral do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Riotorto, ás que destina un orzamento de 530.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro para explicar o alcance das actuacións, moitas delas enfocadas a reducir o consumo enerxético e, con iso, as emisións contaminantes. “As instalacións serán máis confortables, modernas e sostibles”, apuntou.

As empresas interesadas en optar á licitación poderán presentar as súas ofertas ata o día 12 de xaneiro. O prazo máximo de execución dos traballos será de cinco meses.

As intervencións para incrementar a eficiencia enerxética comprenden o illamento da fachada con sistema tipo SATE, a substitución da caldeira de gasóleo por unha de biomasa, e a renovación das carpintarías da planta baixa -incluíndo persianas e caixas de persianas- para reducir a permeabilidade do aire.

Así mesmo, no interior vanse instalar luminarias LED con regulación lumínica en aulas e detectores de presenza en zonas comúns e aseos, e colocaranse falsos teitos con illamento acústico en distintas dependencias, entre outras medidas.

Tamén se acometerán outras tarefas, como a substitución do lucernario de policarbonato ondulado que se atopa entre o colexio e o polideportivo por un de policarbonato compacto, a reparación de zonas puntuais da cuberta e do revestimento das paredes, ou o cambio dos canlóns e baixantes de augas pluviais, que se unirán ao saneamento existente.

Sobre o beirado que rodea as dúas plantas de todo o colexio existe un paramento vertical ao que se lle dará un tratamento similar ao do resto da fachada pero sen incluír o illamento.

O proxecto tamén prevé o pintado interior do centro e a eliminación dunha porta na sala de máquinas.

0.16742992401123