Licitadas as obras de implantación de sistemas de control e monitoraxe enerxética na depuradora de Alfoz

AMariñaXa
Licitadas por máis de 100.000 € as obras de implantación de sistemas de control e monitoraxe enerxética na depuradora de Alfoz
depuradora de augas residuais de Alfoz
11 Xul 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 101.060 euros, as obras necesarias para a implantación de sistemas de control de efluente e monitoraxe enerxética na estación depuradora de augas residuais do concello de Alfoz.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación desta actuación, que optimiza o seguimento no rendemento do tratamento das augas da depuradora. As empresas interesadas nesta intervención, que conta cun prazo de execución de 3 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 2 de agosto.

As actuacións obxecto deste contrato comprenden a instalación de caudalímetros e variadores de frecuencia, a dotación dun sistema de monitoraxe enerxética e a implantación dun sistema de medida en continuo da calidade do efluente da depuradora municipal.

Máis en detalle, dentro das actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta, prevese a instalación dun caudalímetro que permita cuantificar a auga tratada á saída da planta depuradora. Na actualidade o caudalímetro instalado atópase á entrada do reactor biolóxico, polo que non ten en conta a recirculación que se produce do decantador secundario ao reactor.

Coa instalación deste novo caudalímetro á saída do canal de desinfección incrementarase o coñecemento do caudal exacto tratado que sae da depuradora en cada momento. O caudalímetro, de tipo electromagnético, rexistrará os valores e estará dotado dun transmisor baseado en microprocesador, e as medidas do caudal tomadas serán enviadas ao SCADA de planta, quedando rexistradas representadas graficamente.

Tamén se instalará un caudalímetro para coñecer e rexistrar o caudal de recirculación da depuradora en todo momento.

Para ambos os caudalímetros, seleccionaranse sensores con revestimentos adecuados ao tipo de auga que circulará polo seu interior. Para iso, colocaranse tres unidades de variadores de frecuencia nas bombas de cabeceira, así como 2 unidades nas bombas de recirculación de fangos. Deste xeito poderase optimizar o rendemento e consumo das bombas permitindo axustar o seu funcionamento ao caudal de cada momento, mediante o axuste da súa frecuencia. Isto tamén implicará cambiar o gardamotor.

Dentro das obras obxecto do contrato licitado hoxe, inclúese, tamén, a instalación na depuradora dun sistema de monitoraxe enerxética co que se poderá facer o seguimento dos consumos enerxéticos por volume de auga tratado, do volume bombeado, así como dos consumos enerxéticos do pretratamento, o tratamento secundario por carga e o tratamento de lodos pola cantidade de residuo xestionado.

A contratación enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración. Neste caso, enmárcase dentro do convenio entre Augas de Galicia e os concellos de Alfoz e o Valadouro para a explotación da estación depuradora de augas residuais municipal de Alfoz- Valadouro.

O contrato de conservación e mantemento desta depuradora municipal foi prorrogado o pasado mes de maio para os dous vindeiros anos, e supón un investimento total da Xunta de máis de 2,5 M€ desde o ano 2005. O obxectivo é garantir unha xestión profesional e innovadora da depuradora municipal, de xeito que Augas de Galicia asume todos os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñadas, en condicións óptimas de funcionamento.

0.11057901382446