Licitada a supresión do bloqueo telefónico no tramo Ortigueira-Ribadeo da liña de ferrocarril
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, celebrou o “paso decisivo” para a mellora das comunicacións por ferrocarril na comarca da Mariña que dá o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coa licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras de supresión do bloqueo telefónico no tramo de Ortigueira a Ribadeo. Trátase dun importante proxecto que o Ministerio saca a licitación por un importe de 24,2 millóns de euros (IVE incluído).
A subdelegada destacou que “cumprindo o que prometeramos, o Ministerio de Transportes saca a licitación este proxecto que supón un paso definitivo para a mellora do ferrocarril de ancho métrico e a demostración de que, como sempre dixemos, este Goberno aposta pola Mariña e pola provincia de Lugo”.
“Este Goberno cumpre o que promete e atende unha vella demanda dos veciños da Mariña como é a mellora do servizo que presta o ferrocarril nesta comarca”, destacou a subdelegada. Rodríguez recalcou que “temos un compromiso coa mellora das comunicacións, tamén por ferrocarril, e atendémolo desde os Presupostos Xerais do Estado e co Boletín Oficial do Estado, que xa publicou o anuncio desta importante actuación que permitirá mellorar a seguridade e a fiabilidade da liña, como xa se está facendo coas obras en marcha execución no tramo de Ferrol a Ortigueira.
24,2 MILLÓNS DE INVESTIMENTO
Esta actuación ten un valor estimado de 24.214.024,60 euros (IVE incluído) e un prazo de execución previsto de 27 meses.
O tramo Ortigueira-Ribadeo, que forma parte da liña de ancho métrico Ferrol- Pravia, ten unha lonxitude de 101 km entre a estación de Ortigueira e o viaduto da Ría de Ribadeo, en vía única non electrificada. Este tramo está dotado de sistema de axuda á condución de Anuncio de Sinal e freado Automático ( ASFA) analóxico e bloqueos telefónicos entre as estacións lindeiras.
O obxecto desta actuación é o equipamento das instalacións de seguridade e comunicacións necesarias para substituír o actual bloqueo telefónico do tramo mencionado, por bloqueo automático tipo BLAU regulados por telemando desde o Centro de Regulación de Circulación ( CRC) do Berrón (Asturias).
Así mesmo, neste proxecto recóllese o equipamento necesario para as novas configuracións previstas coa racionalización das estacións existentes no traxecto, incluíndo as novas estacións no Barqueiro e Barreiros.
Para iso, o proxecto inclúe a instalación de sistemas de encravamentos electrónicos, bloqueos automáticos en vía única, e sistemas de telecomunicacións en todas as estacións do tramo.
Ademais, procederase a substituír o equipamento de vía do sistema ASFA analóxico polo sistema ASFA dixital, e sinais convencionais por sinais de focos tipo led.
Coa execución do proxecto de supresión de bloqueos telefónicos no tramo Ortigueira-Ribadeo completarase a automatización de toda a rede de ancho métrico de Galicia, pois xa están en execución as obras de Ferrol a Ortigueira con un investimento de máis de 13 millóns de euros.
TODA A REDE DE ANCHO MÉTRICO GALEGA AUTOMATIZADA
A execución do proxecto de supresión de bloqueos telefónicos do tramo Ortigueira-Ribadeo completará a automatización de toda a rede de ancho métrico de Galicia.
Adif está a executar xa as obras de supresión de bloqueos telefónicos no tramo Ferrol-Ortigueira (na mesma liña de ancho métrico Ferrol- Pravia), que supuxeron un investimento de máis de 13 millóns de euros. A instalación de bloqueos automáticos na rede de ancho métrico de Galicia e o control de tráfico mediante telemando desde o CRC do Berrón (Asturias) permitirá melloras substanciais na explotación ferroviaria, fundamentalmente maior capacidade da liña e regularidade nas circulacións dos trens, así como unha mellora notable da seguridade e fiabilidade das instalacións.