Legado cultural e memoria da figura de Hernán Naval reciben o apoio da Deputación de Lugo

AMariñaXa
Preparan unha programación conxunta para conmemorar o 25 aniversario do falecemento do músico e docente mariñao
Ribadeo-Viveiro-legado-Hernan-Naval-2026
23 Feb 2026

A Deputación de Lugo amosou o seu respaldo á iniciativa impulsada pola Asociación Francisco Lanza de Ribadeo e polo Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro para lembrar a figura de Hernán Naval coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento.

O deputado de Mocidade, Daniel García, e a deputada de Cultura, Iria Castro, mantiveron un encontro con representantes das dúas entidades, Farruco Graña e Xiana Naval, para analizar as actividades que se están a deseñar en torno a esta conmemoración en Ribadeo e Viveiro.

Durante a reunión, valorouse a posibilidade de organizar unha programación conxunta que permita difundir o legado de Hernán Naval en toda A Mariña, destacando a súa vinculación con ambas localidades. O músico foi profesor do Conservatorio de Viveiro e presidente de Sementeira, ademais de dirixir a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo e impulsar a Escola Municipal de Música ribadense, pioneira en Galicia.

Daniel García salientou o papel das asociacións na recuperación da memoria cultural, destacando que a contribución de Hernán Naval “vai máis aló da creación musical, xa que favoreceu a democratización da formación artística e a apertura social da educación musical”.

A Deputación continuará coordinando nas vindeiras semanas a axenda de actividades e impulsará a edición dun volume que recolla artigos e materiais sobre a faceta docente, cultural, política e divulgativa do homenaxeado.

0.080628156661987