Ledicia celebra en Burela a Foliada da Castaña cunha fin de semana chea de música, tradición e convivencia

A Sociedade Cultural Ledicia de Burela ultima os preparativos para unha das citas máis esperadas do outono: a Foliada da Castaña, unha celebración que combina música tradicional, gastronomía e participación veciñal, e que terá lugar os días 7 e 8 de novembro.
A programación arrancará o venres 7 ás 19:30 horas, no salón de conferencias da antiga biblioteca, co espectáculo “Cóntoche un Traxe”, a cargo de Montse Rivera. A actuación, que tivo que ser adiada en outubro por causas de forza maior, promete unha viaxe fascinante polo traxe tradicional galego, os seus significados e a súa evolución ao longo do tempo. A actividade será de acceso libre para o público e servirá de preludio á gran xornada festiva do sábado.
O sábado 8, a música tradicional tomará as rúas e os locais hostaleiros de Burela dende as doce do mediodía. Pola vila pasarán grupos chegados de diferentes puntos de Galicia, como Os Garuleiros (Negreira), Amiguiñas Foliadeiras (A Mariña), Airiños do Eume (Pontedeume), Pandereteiros do Inferno (Ribadeo), A Rebolaxe (San Cibrao) ou No Combaro (As Pontes), ademais das formacións locais Dambara, Batuko Tabanka, Arume e Ledicia, entre outras.
Á hora do xantar, arredor das 14:00 horas, os músicos farán parada nos bares e restaurantes colaboradores —máis de vinte locais como Vista Alegre, O Poeta, Palacio de Cristal, Nordés ou Rompeolas— para repoñer forzas e seguir facendo festa co público.
Pola tarde, a actividade trasladarase á Praza da Mariña e á Praza de Abastos, onde haberá asado de castañas, un obradoiro de colares de zonchos impartido por Gaia, e un obradoiro de baile tradicional aberto a todas as idades, que servirá de antesala á gran foliadiña final.
A organización ofrece unha merenda popular (castañas, pincho e bebida) por 3 euros, mentres que os obradoiros serán de balde. Toda a veciñanza está convidada a participar e gozar “do xeito que mellor lle preste”, sinalan desde Ledicia.
A noite pecharase cun sorteo de agasallos cedidos por comercios e empresas colaboradoras como ABSA, Fanto Fantini, Rompeolas, Lanas Pacita, Carnicería Enrique e Carnicería Monte Castelo.
Desde a Sociedade Cultural Ledicia quixeron agradecer “a todas as entidades, grupos, locais e persoas anónimas que fan posible este tipo de celebracións, que manteñen viva a nosa cultura e fortalecen o espírito comunitario de Burela”.