Lara Méndez acusa á Xunta de recortar a VAC Costa Norte en Viveiro e reducir drasticamente o seu investimento

A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, cuestionou no pleno a reformulación presentada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para o treito da Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte á altura de Viveiro. Segundo expuxo, a proposta actual “desvirtúa” o proxecto orixinal ao reducir tanto a súa extensión como o investimento previsto.
De acordo cos datos achegados pola parlamentaria, o tramo pasaría de 18,86 quilómetros a 10,45, o que supón unha diminución de máis de oito quilómetros. Tamén se produciría un recorte significativo no orzamento, que baixaría de 254,17 millóns de euros a 62,68 millóns. Para Méndez, este cambio implica deixar atrás a concepción dunha vía de altas prestacións para convertela nunha infraestrutura de menor entidade.
A socialista vinculou este anuncio coa recente mudanza política no Concello viveirense e criticou que a promesa dunha infraestrutura estratéxica servise, ao seu xuízo, como argumento de negociación. Ademais, lembrou que a VAC foi concibida como compensación ao desvío da A-8 decidido no seu día polo Goberno galego presidido por Manuel Fraga, circunstancia que deixou, segundo indicou, á Mariña occidental e ao Ortegal nunha posición de illamento.
Méndez advertiu tamén das posibles consecuencias legais de manter no Plan Xeral de Ordenación Municipal o trazado inicialmente previsto se finalmente non se executa. Por iso, instou á Xunta a reconsiderar a súa postura, recuperar o proxecto completo entre San Cibrao e Ferrol e garantir unha solución real aos problemas de mobilidade e desenvolvemento do norte galego.