Lara Fernández renuncia á súa acta de concelleira do PSdeG de Viveiro

Dende o PSdeG-PSOE de Viveiro informan de que Lara Fernández vén de presentar “de maneira responsable” a súa dimisión e renunciar á súa acta de concelleira, que farase efectiva o vindeiro luns, 21 de abril, tras sair á luz un incidente acaecido no ámbito privado coa súa parella.
Desde a agrupación socialista condenan con firmeza “o linchamento social e mediático” a que fora concelleira de Igualdade, e lembran que se trata “dun feito acontecido no ámbito estritamente persoal, que en ningún caso debe ser utilizado con fins sensacionalistas nin politizado por intereses alleos”. Dende o partido recalcan que “as persoas teñen dereito á súa intimidade e á súa protección, especialmente cando xa tomaron decisións que evidencian un exercicio de responsabilidade”. Ademais, aclaran que o partido “en ningún momento exerceu presión algunha sobre medios de comunicación para evitar a publicación da noticia”.
Os socialistas agradecen profundamente a Lara Fernández “o seu traballo desinteresado e altruísta, tanto no seo do PSdeG-PSOE como no Concello de Viveiro, onde puxo en marcha políticas vinculadas á cultura, á igualdade, ao benestar social e á defensa dos dereitos das mulleres. Fíxoo sempre sen recibir remuneración económica, movida unicamente polo seu compromiso co servizo público”.
Compromiso coas vítimas e condena da violencia
O Partido Socialista de Viveiro reitera, como sempre, a súa condena firme e rotunda de calquera forma de violencia. “A nosa postura nesta materia é clara, sen matices nin excepcións. Cremos, ademais, que é preciso actuar con rigor, respecto e responsabilidade cando estes feitos afectan á vida privada das persoas”.
Desde o PSdeG-PSOE de Viveiro piden respecto pola intimidade de Lara Fernández e “que se deixe de instrumentalizar politicamente un feito persoal que xa tivo consecuencias públicas”.