Lamela acusa a PSOE e BNG de “provocacións” no pleno do Valadouro sobre a modificación de crédito

AMariñaXa
O alcalde do Valadouro defende a súa xestión económica e critica ás formacións da oposición por “victimizarse” e “recorrer ás mentiras para facerse visibles”
Imaxe de José Manuel Lamela
20 Nov 2025

O alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, do Partido Popular, censurou o comportamento de PSOE e BNG no último pleno municipal, no que se abordou unha modificación de crédito destinada a gasto corrente. Segundo explicou, ambas formacións “volveron ás provocacións” co obxectivo de “desestabilizar” ao goberno local despois de que o rexedor ofrecese as explicacións oportunas sobre o cambio de partida.

Durante a sesión, Lamela retiroulle a palabra ao voceiro do BNG ao considerar que, tras responderlle sobre o traslado do diñeiro a gasto corrente, “insistía en seguir preguntando e impedía avanzar no pleno”. O alcalde xustificou esta decisión asegurando que era necesario “manter a orde e continuar coa sesión con normalidade”.

O debate intensificouse cando o representante nacionalista, Xosé Chao, advertiu de que a práctica de modificar créditos “xera unha mala imaxe”. O alcalde replicou que “peor imaxe é non ter orzamentos, como sucedeu nas últimas lexislaturas”, e engadiu que “os erros, se existen, hai que corrixilos”.

Lamela acusou posteriormente o BNG de recorrer de novo ás “mentiras” e ao “victimismo” na nota de prensa emitida tras o pleno. “Se non falan do Partido Popular, dunha pancarta ou non se presentan como vítimas, ninguén sabe que existen”, afirmou.

O alcalde tamén respondeu ás críticas do BNG relativas á relación entre o PP e UDIVAL. Lembrou que “o equipo de goberno está formado unicamente polo Partido Popular” e que UDIVAL “non forma parte do mesmo”, polo que o seu apoio dependerá de cada asunto: “Cando estea de acordo votará a favor, e cando non, absterase ou votará en contra”.

Tamén negou as acusacións de faltas de respecto ao portavoz nacionalista: “En ningún momento se lle insultou nin se lle falou de maneira impropia”. Pola contra, criticou que Chao “faltase ao respecto á veciñanza e mesmo aos empresarios” en anteriores etapas de goberno “por non pagar facturas de traballos realizados, perder subvencións ou non tramitar en prazo axudas concedidas”.

O rexedor considerou que o fondo do problema é que PSOE e BNG “non aceptan” que o concello “se vaia estabilizando pouco a pouco” tras unha etapa de “parálise e desorde” da que —lembrou— “a señora Barreira e o señor Chao formaban parte”.

Lamela incidiu na dificultade de elaborar un orzamento equilibrado “cando hai que asumir facturas sen pagar de gobernos anteriores”, unha cifra que ascende, segundo dixo, a 150.000 euros. Sinalou que a modificación de crédito aprobada segue o informe de intervención e consiste “unicamente en baixas e reasignacións noutras partidas, sen incrementar o gasto total do orzamento municipal”.

Engadiu que o obxectivo é “optimizar recursos e reforzar as áreas que máis o precisan”, unha práctica coa que, asegura, o PP é coherente tanto no goberno como cando estaba na oposición. Criticou, pola contra, que cos gobernos de PSOE e BNG “era habitual incrementar o gasto tirando do remanente de tesourería”, un método que o actual executivo “trata de evitar para manter o equilibrio orzamentario”.

⚙ Configurar cookies
0.074681997299194