Lago prepárase para tres días de festa na honra á Virxe do Carme e San Antón

A parroquia de Lago, no concello de Xove, será o escenario das tradicionais festas na honra á Virxe do Carme e San Antón, que se desenvolverán entre o venres 18 e o domingo 20 de xullo. A programación mestura música, gastronomía e actos relixiosos para reunir á veciñanza e visitantes durante toda a fin de semana.
O venres 18 abrirase o programa cunha gran churrascada ás 20:00 horas, anunciada pola organización como “estilo Lago”. Ao remate, a festa continuará cunha verbena amenizada pola orquestra Ocaband e a discoteca móbil Conxuro, encargadas de poñer ritmo á primeira noite festiva.
Xa o sábado 19, ás 14:00 horas, celebrarase unha sesión vermú coa orquestra Tokio, que tamén protagonizará a gran verbena nocturna, compartindo escenario co Dúo D’Cache Music.
O domingo 20 estará dedicado aos actos relixiosos, coa misa solemne e posterior procesión ás 13:30 horas. A xornada concluirá cunha sesión vermú prolongada, novamente da man do Dúo D’Cache Music.
A Asociación de Festexos “A Granda” organiza este evento co apoio do Concello de Xove, así como de veciños e comerciantes locais, co obxectivo de manter viva a tradición e dinamizar a vida comunitaria da parroquia.