Kornucopia: “Calquera que dedique certo tempo en crear música orixinal ten que desfrutar o proceso"
Por Ana Somoza López.
Este grupo ribadense ten os seus inicios durante o 2021, onde Sergio Prieto, Rober Galle e Fillo García decidiron investigar novas fusións de músicas e estilos. Tempo máis tarde e baixo a demanda de máis riqueza musical que puidera embelecer as súas creacións, sumáronse ao proxecto Pablo Fei e Cherry Fernández.
Que é Kornucopia?
Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas musicais e convertelas en algo diferente e orixinal, mesturando as raíces musicais da nosa terra con outros estilos. Queremos crear música sen encaixarnos de ningunha forma, dunha forma totalmente libre e cunha forma de compoñer un pouco diferente á que estábamos acostumados, engadindo os instrumentos que pida cada canción que, obviamente, estean ao noso alcance.
Como xorde?
De casualidade, saíndo da pandemia, tres amigos que coinciden nunha pequena xuntanza ó aire libre,con instrumentos de por medio, proban a acompañar a idea que un deles lles mostra. Nese momento, hai unha conexión, un entendemento, algo polo que merece a pena volver a quedar e que parece que se lle pode facer crecer e dar forma pouco a pouco. Ó principio soamente había percusión, baixo e voz, polo que en canto algún tema foi tomando forma, saltaba á vista que quedaba pouco vacío pola parte aguda, e é aí cando se termina de formar o grupo engadindo as guitarras, banjo, mandolina, e demais instrumentos agudos.
Quen forma parte do grupo?
Ata agora sumamos cinco integrantes, cinco entusiastas. Coas percusións de Rober, o baixo de Fillo García, as guitarras de Cherry Fernández e Pablo Fei, e a voz Sergio Prieto, temos a sensación de ter unha formación compensada coa que se pode montar un directo rico e variado. Ademais dos citados instrumentos, tamén engadimos coros, percusións tradicionais, banjo, mandolina, ukelele, sin renunciar a nada. É posible que tamén se meta unha trompeta, porque non.
Porque ese nome?
A cornucopia é un elemento da mitoloxía grega, resumindo bastante é o corno da abundancia, símbolo da abundancia e da prosperidade. Dun xeito poético, este corno querémolo encher de moitos e variados sons para crear algo que perdure e que resulte pracenteiro, tanto para nós como para o público.
Como definen o seu son ou o seuestilo?
Pois a verdade é que non saberíamos como responder a esta pregunta.
Sen particularizar membro a membro, temos participado en agrupacións de música tradicional, grupos de rock, pop ou incluso rap, bandas de soul e de swing, orquestas de música clásica e música de cámara... De todo un pouco. Din que “somos o que comemos”. Pois non sei qué pode saír de todo iso. No noso Instagram temos unha frase que nos define bastante ben que di: “Ás voltas coa fusión”. Hai algo de todo, algo de pop-rock, algo de blues-soul, hai “tradi”, incluso toques de jazz, todo iso definirá o noso estilo. Cando vaiamos sacando os temas, mellor que nos defina a xente.
Que lles diferencia doutros grupos de rock?
Principalmente, que non nos definiríamos como grupo de rock, para nada. Sí que hai toques e influencias do rock, pero nada máis. De feito, non temos nin batería, esa sí que me parece unha gran diferencia.
Que é o que máis desfrutan da música?
Calquera que dedique certo tempo en crear música orixinal ten que desfrutar este proceso, o da creación. Isto é común a tódalas formas de arte. É o que máis tempo leva, pero é o momento no que nos podemos expresar con total liberdade. Ser capaz de compoñer unha canción desde unha idea remota e conseguir darlle forma artística de forma que poida, por exemplo, conmover a alguén é un proceso moi bonito. Unha vez terminado un tema claro que tamén é divertido e satisfactorio tocalo, interpretalo e compartilo co público, todo ten as súas cousas boas.
Teñen programado algún concerto proximamente?
De momento aínda non, estamos preparándonos pouco a pouco. Xa temos varios temas que pronto iremos sacando, pero non é o mesmo gravalos que interpretalos en directo, aínda temos que rodar un pouco en privado no local de ensaio, para subirnos a un escenario con garantías de que vamos a facer algo especial. Pero esperamos facer algún pronto, de feito, xa temos varias propostas.
Como é o proceso de creación?
Non temos ningún proceso concreto. Ás veces harmonizamos unha melodía de voz que ten pensada Sergio, outras veces partimos dunha liña de baixo... Depende da canción, o que si que temos claro que cada un ten que aportar a súa parte, entenderse co resto, destacar cando faga falta e adoptar un papel secundario cando toque. Tamén nos gusta pensar o que queremos transmitir coa canción, e a partir de aí vemos como encaixa cada un en cada parte. Ademais, cos medios de hoxe en día, podemos gravar cada un varias ideas para un mesmo pasaxe, e escoitalas e analizalas, e elixir a que mellor encaixa. De calquera xeito, o proceso de creación é bastante libre, sin ataduras a ningún estilo concreto.
Cales son os seus referentes musicais?
Sinceramente, non temos referentes definidos. Cada un dos integrantes ten os seus, en moitos coincidimos, seguro, pero tamén é seguro que nos que máis coincidimos son os que menos se van a ver representados na nosa música. Ás veces para facer algo orixinal o mellor é non buscar un estilo concreto, ou parecido a algo que xa existe, para así non correr o perigo de copiar. As influencias sempre estarán aí, pero hai que saber cando tirar delas e cando escapar.
Algún disco que recomendarían para esta época do ano?
Porque, en aparencia, fai o que lle apetece e por ter unha sensibilidade especial, calquera de Beirut, por exemplo, The Flying Club Cup.
Dentro dunha década, que pensan que estaredes facendo?
Mentiriamos se dixésemos que o pensamos algunha vez, de momento deixarémonos levar e a ver ata onde chegamos. Ten en conta que somos músicos amateurs, temos os nosos traballos que nada teñen que ver coa música, polo que seguir con isto só pode significar que sigue sendo a nosa forma de divertirnos no noso tempo libre, así que si dentro de 10 anos seguimos xuntos, será que fixemos as cousas ben. Iso esperamos.