Kalevala
Por Rebeca Maseda
A historia dos diferentes pobos que compoñen este estraño e basto mundo está chea de mitoloxía, de lendas fascinantes que nos contan misións imposibles para a maioría dos mortais.
Hai unhas semanas tiven a oportunidade de tocar na Sinfónica de Galicia unha obra realmente peculiar: a “Suite Lemminkäinen”, composta polo finés Jean Sibelius (1865 – 1957). Foi escrita orixinalmente entre 1893 e 1895 e está baseada na epopea nacional finlandesa do “Kalevala”, un auténtico universo máxico onde conviven seres míticos e extraordinarios. O Kalevala é unha obra de poesía épica escrita no século XIX por Elias Lönnrot na cal podemos atopar unha gran cantidade de mitos sobre as divindades da mitoloxía finesa. Principalmente consiste nunha gran recompilación do folclore e mitoloxías de Carelia e Finlandia, transmitidas de forma oral ao longo de xeracións e que o propio Lönnrot recompilou durante anos de viaxes realizadas por todo o país.
Ademais de considerarse a epopea nacional de Finlandia, é á súa vez unha das obras máis importantes da literatura finesa, sendo o instrumento principal do desenvolvemento da identidade nacional. Ao mesmo tempo, intensificou o conflito lingüístico do país, o cal, en conxunto co aumento do nacionalismo, conduciu á independencia de Finlandia de Rusia en 1917.
A primeira versión do Kalevala (coñecido como “antigo Kalevala”), publicouse en 1835, en tanto que a versión máis coñecida e que se utiliza hoxe en día é de 1849 e consta de 22.795 versos, divididos en 50 historias populares. Comeza co mito da creación finés e a orixe da terra, plantas, criaturas e o ceo da man de Ilmatar, a nai de Väinämöinen. Nos poemas atopamos moitas historias de feitizos, cantos, luxuria, romances, secuestro e sedución, algo similar ao que sucede en moitas outras mitoloxías. Os protagonistas das historias frecuentemente deben lograr fazañas imposibles que, como é lóxico, non adoitan conseguir, desembocando en traxedia e humillación. O elemento fundamental de toda a obra é o “Sampo”, un talismán ou obxecto máxico que provoca moitas accións e consecuencias nas historias, ou que ben intercede e interactúa cos personaxes para que estes sexan quen as inicien.
No Kalevala existen moitas similitudes con outras mitoloxías ou folclores, como por exemplo o personaxe de Kullervo, cuxa historia é similar á do Edipo grego, ou a virxe Marjatta coa cristiá Virxe María. Ao longo dos poemas van aparecendo diversos personaxes que realizan as accións, cantando as súas fazañas ou desexos. En moitos casos, estes personaxes adoitan estar a cazar ou realizando feitizos co fin de adquirir habilidades, o que lles permite continuar evolucionando.
Os personaxes principais do Kalevala son: Väinämöinen, personaxe central similar a Orfeo na mitoloxía grega; Ilmarinen, heroe similar a Dédalo na mitoloxía grega e creador da cúpula do ceo, do Sampo e de varios obxectos máxicos da obra; Lemminkäinen, fillo de Lempi, home aposto, arrogante e imprudente que se fai eco do mito de Osiris; Ukko, deus do ceo e do trono e deidade principal do libro, correspóndese con Zeus e con Thor; Joukahainen, mozo que desafía de forma arrogante a Väinämöinen e que tras perder con el ofrécelle á súa irmá, Aino; Louhi, feiticeira do pobo de Pohjola, rivais dos Kalevala, sendo a causante de moitos dos seus problemas; Kullervo, fillo vingativo de Kalervo, e por último, Marjatta, moza virxe de Kalevala que queda embarazada tras comer un arando vermello, unha alegoría da Virxe María e da cristianización de Finlandia.
Resumindo, todo un universo máxico repleto de personaxes míticas que, á súa vez, comparte moitos elementos comúns coa mitoloxía clásica. O mundo está cheo de fronteiras de todo tipo -culturais, económicas, sociais, etc.- pero ata os pobos aparentemente máis afastados poden compartir sentimentos e historias.
Acaso non poderiamos esmerarnos en festexar a nosa humanidade?