José Tomé Roca rexistra a súa candidatura para liderar o PSdeG na provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo formalizou hoxe a súa participación nas primarias á Secretaría Xeral.
psoe provincia tome monforte
23 Dec 2021

O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo formalizou hoxe a súa participación nas primarias á Secretaría Xeral do Partido Socialista na provincia. Dá o paso coa vontade de poñer ó servizo do partido no conxunto da provincia “toda a miña experiencia política, tanto orgánica como institucional”, e como fixo en Monforte, levar á organización “ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque iso será bo e iralle mellor á provincia de Lugo”.

José Tomé Roca, alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo, rexistrou na tarde deste mércores a súa candidatura ás primarias á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. Tal e como avanzou o pasado luns nunha rolda de prensa na cidade do Cabe, Tomé Roca formalizou a súa participación no proceso no primeiro día de prazo para facelo segundo o calendario aprobado polo Comité Provincial.

O rexedor monfortino e presidente provincial subliñou que dá o paso coa vontade de poñer ó servizo do Partido Socialista no conxunto da provincia “toda a miña experiencia política, tanto orgánica como institucional, e toda a capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo” que está demostrando no Concello e na Deputación, para, como fixo en Monforte, levar á organización “ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque iso será bo e iralle mellor á provincia de Lugo”.

Para elo, propón “unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados do Partido Socialista que hoxe temos na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais”, e que “toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024, porque, despois doutra etapa de 16 anos do Partido Popular á fronte da Xunta, Galicia necesita dun Goberno liderado polo Partido Socialista”. “Lugo foi determinante nas primarias do Partido Socialista de Galicia e quero que tamén sexamos determinantes na próximas eleccións autonómicas e estatais”, engadiu.

“Quero un partido que mire para o futuro e para os lucenses. Un partido forte, unido, integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia, dándolles participación ós alcaldes e alcaldesas e Voceiros e Voceiras na súa labor diaria”, asegurou Tomé.

En canto ós obxectivos, propón catro liñas de traballo: “ensanchar as bases do partido, recuperando a capacidade para ilusionar e atraer a todas persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo; ofrecer asesoramento técnico e político, apoio e formación, ós que poidan acudir todos os compañeiros e compañeiras para facer o seu traballo diario nos concellos, para plantexar mocións, para darlles información ou para axudarlles na súa relación cos medios de comunicación, tanto nas tarefas de goberno, como na oposición; fomentar a participación para que o partido funcione como unha canle de comunicación permanentemente aberta, capaz de escoitar, de dar resposta ás dúbidas e de aportar ideas para convertelas en propostas que sexan de utilidade para o conxunto; e máis coordinación e difusión das mensaxes para darlles maior repercusión e que cheguen a máis xente, porque a comunicación interna é unha ferramenta que fai mellorar calquera organización”, explicou.

0.15789198875427