José Miñones visitou o CEIP Gregorio Sanz para supervisar as obras de rehabilitación

AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou Ribadeo, asinou o libro de honra, e achegouse ao Ceip Gregorio Sanz
Jose Minones visita Ribadeo CEIP Gragorio Sanz 1
5 May 2022

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo a Ribadeo como exemplo de como o Plan de Recuperación do Goberno está a deixar pegada nas vilas de Galicia, e tamén da colaboración institucional na execución destes fondos. Neste caso, coa mellora e rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz, de competencia autonómica, que se está a executar cun investimento de 830.585 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Este é un exemplo de que o Plan de Recuperación transforma os pequenos concellos, atende os servizos públicos e neste caso aposta pola calidade no ensino. Chega ás escolas, ás rúas e ata a porta de cada veciño”, sinalou.

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o delegado desprazouse ata a capital do concello onde visitou este centro educativo co alcalde, Fernando Suárez. Neste caso, as obras teñen un dobre obxectivo: lograr instalacións máis eficientes e respectuosas co medio ambiente; e mellora a calidade do ensino, adaptando os espazos escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de cara á vindeira década.

A mellora do CEIP Gregorio Sanz forma parte do Programa de Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) impulsado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana para a rehabilitación sostible do parque público institucional. Este programa contempla o acordo coas comunidades para financiar rehabilitacións de edificios de competencia autonómica.

No caso de Galicia, o Ministerio de Transportes acordou coa Xunta a rehabilitación de 26 equipamentos autonómicos nas catro provincias. Por este acordo, a Xunta recibiu 27,3 millóns de euros do Goberno cos que xa está afrontando estas melloras, como no caso de Ribadeo.

O delegado do Goberno destacou que 21 destas actuacións se desenvolverán en centros educativos de 16 concellos galegos, con case 20 millóns de euros de fondos estatais. En concreto, a provincia de Lugo mellorará 3 centros educativos: o CEIP de Ribadeo, o IES María Sarmiento de Viveiro e o Colexio de Portomarín, cunha achega conxunta do Ministerio de 2,25 millóns de euros.

Outros investimentos no Concello de Ribadeo

O delegado do Goberno repasou co alcalde de Ribadeo o estado doutros investimentos estatais no concello da Mariña, nos que conta coa colaboración do Goberno Local. Entre eles, o obradoiro dual de emprego “Ribadeo prepara o teu Camiño”, que permitirá que 20 mozos e mozas acaden unha certificación profesional que lles permita acceder a un emprego cualificado.

O Goberno tamén colabora no desenvolvemento dun turismo sostible na comarca da Mariña. O Ministerio de Industria cofinancia coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, de que forma parte Ribadeo, o Plan de Sostibilidade Turística desta comarca, que se desenvolverá ata o ano 2024 mobilizando 3 millóns de euros de fondos públicos.

Con respecto ás infraestruturas, o delegado avanzou ao alcalde as novidades respecto da liña de ancho métrico. En concreto, o Adif avanza para licitar proximamente a obra de supresión do bloqueo telefónico no tramo Ortigueira-Ribadeo, que suporá un investimento global de 30 millóns de euros para a automatización e mellora da seguridade deste tramo. En paralelo, Adif está xa redactando o proxecto de mellora das infraestruturas asociadas, “e neste proxecto xa se contempla o novo apeadoiro na Praia das Catedrais”, co que o Goberno atenderá unha das demandas máis reiteradas desta comarca.

A estas iniciativas do Goberno tamén se sumará a extensión da banda ancha de internet co Plan Único-Banda Ancha, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. José Miñones indicou que a convocatoria que xa está en marcha inclúe a Ribadeo, onde executará 327 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata máis de 1.000 vivendas e empresas do Concello.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18181896209717