José Manuel Balseiro traslada a súa preocupación polo estado da N-642
O senador do Partido Popular José Manuel Balseiro amosa a súa preocupación pola situación das variantes de Burela e Foz, especialmente esta última, que presenta grandes treitos co asfalto deteriorado. Os senadores formularan unha nova pregunta nas Cortes Xerais que busca coñecer se o Ministerio ten previsto algunha reparación ou actuación de mantemento urxente das variantes e, de ser o caso, en que consistirán estes traballos e que prazos manexan para a súa execución.
Segundo explica José Manuel Balseiro esta non é a primeira vez que se interesan polo mal estado da estrada nacional N-642. No pasado as denuncias dos populares levaron ao Ministerio a actuar e facer reparacións puntuais, como a realizada no alto de Mañente, “que en todo caso son parches, solucións parciais, cando o que se precisa é un arranxo integral da estrada”. Con todo, espera que esta nova pregunta leve ao Ministerio a reaccionar e así extremar as labores de conservación e mantemento, como mínimo nestas dúas variantes.
Balseiro amósase sorprendido porque os alcaldes destas localidades non lideren esta demanda ante o Ministerio ante a evidencia de que moitos treitos das variantes presentan desgaste no asfalto que, incluso, está por zonas agretado. O mal estado da estrada é unha realidade que constatan a diario ducias de condutores obrigados á facer uso deste percorrido que une os municipios costeiros da Mariña, entre Barreiros e Cervo, sen posibilidade de itinerario alternativo dada a parálise na que o Goberno Sánchez mantén a autovía A-74. Finalmente sinala que “facendo oídos xordos a esta demanda, en respostas anteriores do Goberno Sánchez cualificaba de ‘óptimo’ o estado da N-642”.