Jesús Perez Moreda encabeza a lista de Compromiso por Galicia para optar á alcaldía de Ribadeo

TerraChaXa | AMariñaXa
Jesús Pérez Moreda, de 61 anos, natural da parroquia ribadense da Devesa é o candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía ribadense.
26 Apr 2019

Jesús Pérez Moreda, de 61 anos, natural da parroquia ribadense da Devesa é o candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía ribadense. A lista desta formación ás municipais do vindeiro mes de maio está composta por oito mulleres e seis homes.

Onte, luns, foi presentada ante a xunta electoral a candidatura de Compromiso por Galicia (CxG), que encabeza Jesús Pérez Moreda, máis coñecido na vila ribadense como Suso Villalba. A presentación diante da cidadanía farase nos vindeiros días, segundo o candidato “non debemos saturar á veciñanza con demasiada política, agora a xente está centrada nas eleccións xerais. Cando estas pasen será cando toque poñernos ao cen por cen a falar da nosa vila e das cousas que realmente lle importan a Ribadeo e aos seus veciños e veciñas”.

Pérez Moreda ten unha dilatada experiencia na vida política e municipal, foi edil do grupo de goberno do Concello de Ribadeo dos anos 1987 a 1995, co BNG, época na que traballou en diferentes áreas aínda que a mais relevante foi a de Deportes. O candidato de Compromiso por Galicia é coñecido tamén por estar sempre pendente da vida municipal participando en tertulias e debates nos medios de comunicación da zona, formando parte de clubs deportivos, por ser un apaixonado do deporte, da ría de Ribadeo e das praias deste concello, coma a dos Castros, na que foi socorrista na súa xuventude. Retirado da vida laboral Pérez Moreda considera que “é un bo momento para dedicarme activamente a mellorar a nosa vila, creo no potencial que Ribadeo ten e que non se está a aproveitar e debemos traballar en mellorar as grandes deficiencias que hai en moitas areas da xestión municipal”. Bo coñecedor dos problemas que vive o rural naceu e viviu moitos anos na Devesa, é fillo de labradores. Pero tamén coñece os problemas que existen na vila para os comerciantes e hostaleiros, para o sector servizos, na limpeza das rúas, na xestión do tráfico, no asociacionismo e en moitos outros aspectos.

A candidatura de Compromiso por Galicia en Ribadeo é definida en palabras de Pérez Moreda como “unha candidatura integradora, con xente do rural e da vila, con persoas de diferentes sensibilidades políticas, pero que ás une o seu compromiso por Galicia e ante todo por Ribadeo”. Jesús Pérez engade que “cada un de nos coñece ben Ribadeo e os seus problemas, na lista temos autónomos, empregados de empresas, funcionarios, retirados.... todos aportamos os nosos coñecementos para elaborar o programa co que queremos gobernar Ribadeo” e deixa claro que “nós presentámonos para gobernar. Ese é o noso obxectivo e con esa intención imos traballar duro ao longo das vindeiras semanas”.

Compromiso por Galicia (CxG), presenta unha lista de catorce membros, oito mulleres e seis homes, algunhas con experiencia na vida política e municipal e moitos outros cun gran compromiso por traballar para facer un Ribadeo mellor.

No número dous desta lista acompáñao Maria Begoña Fernández Fernández. A numero tres é Aurora González Ginzo, concelleira nesta lexislatura e coñecedora da vida municipal da vila. Os números catro e cinco son respectivamente Rafael Izquierdo Pérez e José Ramón López Martínez. Do seis en diante os membros da lista son: Iván Fernández Rañón, Álvaro Mario Lorigados Castaño, Belén González López, Cristiane Carvalho de Sousa, Elva Alina Carmona Figueredo, María Soledad Valiña Gutiérrez, Almudena Piñeiro Docampo e Alejandro Calonge Peña. Como suplente completa a candidatura Regla Herrera Brunet.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17659902572632