Jesús Novo reclámalle a Deputación “a urxente reparación da estrada provincial LU-P-3807 en Ourol"

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Xan 2020

O deputado provincial do PP, Jesús Novo, denuncia o “desastroso estado” no que se atopan as estradas que son titularidade da Deputación de Lugo ao seu paso polo concello de Ourol.

Novo incide no lamentable estado no que se atopa a estrada LU-P 3807 e, máis concretamente, “no tramo que vai de Fornos ata a 3805”. Tal é así que “a taxista que se encarga de levar os nenos e nenas ao colexio se estea plantexando renunciar á concesión do transporte público porque non gaña para os desperfectos que sufre o seu coche”.

Así, o popular diríxese ao “presidente da institución provincial, que é o responsable da área de obras, para que tome as medidas que están na súa man para mellorar e reparar esta vía de forma urxente” de forma que “contribúa, ao mesmo tempo, ao mantemento doutro servizo público do que se benefician os nenos e nenas do rural”.

O deputado do PP engade que as numerosos fochancas que presenta o seu firme dificultan a circulación; polo que, “ademais dos estragos que provoca nos vehículos, supón un risco para a seguridade dos seus usuarios”. E, ademais das lamentables condicións nas que se atopa a LU-P3807, Novo critica que “a Deputación de Lugo non fixo nin está a realizar ningunha tarefa de mantemento para manter transitable a LU-P-3805 durante a construción dun parque eólico na zona”.

O deputado provincial xa fixo constar as súas queixas sobre o mal estado das estradas provinciais da comarca na pasada sesión plenaria do 29 de outubro do 2019 onde, a través dun rogo, trasladou a necesidade de mellorar e acondicionar a LU-P-6406 dende o Cristo da Portapena a Pontesegade, no termo municipal do Vicedo. A voceira provincial, Elena Candia, fixo o mesmo coa LU-P-4404 ao seu paso por Riotorto.

0.19437694549561