Jesús Mundiña renuncia como edil de Medio Rural en Ribadeo

AMariñaXa
No pleno extraordinario do Concello de Ribadeo, que terá lugar mañá con carácter de urxencia, darase conta da renuncia de Jesús Mundiña.
jesus mundina
25 Feb 2021

No vindeiro pleno extraordinario do Concello de Ribadeo, que terá lugar mañá con carácter de urxencia, darase conta da renuncia de Jesús Mundiña como edil de Medio Rural, que deixa o cargo por razóns persoais. Os seus compañeiros do equipo de goberno agradécenlle todo o traballo desenvolvido nestes dous anos.

O rexedor tivo palabras de agradecemento para Mundiña: “temos que agradecerlle o traballo desenvolvido ao longo de camiño de dous anos, nos que estivo ao fronte da Concellería de Medio Rural, ocupándose de cuestións como os camiños, o saneamento, os alumeados rurais, o sector forestal ou a rozadora, e ademais estivo en contacto directo e diario coa veciñanza para poder coñecer de primeira mao as súas necesidades”.

Suárez Barcia subliñou que “foron meses de intenso traballo, xustamente no momento máis complicado da pandemia que todos sufrimos no seu momento e seguimos a sufrir, e que fai todo máis difícil e máis costa arriba. É polo que desde o equipo de goberno, todos nós, Mariluz, Pilar, Mónica, Jorge, Pablo e máis eu lle queremos dar as máis expresivas grazas e recoñecer o seu labor durante todo este tempo”.

O alcalde engadiu que “xa será no vindeiro pleno de marzo cando se faga efectiva a toma de posesión da acta de concelleiro da nova persoa que o substitúa”.

0.15996408462524