Javier Rico, de A Pontenova, forma parte do equipo de María José López Couso na súa candidatura á USC

O profesor Javier Rico Díaz, natural de Santalla, no Concello de A Pontenova, foi anunciado este mércores como membro clave do equipo de María José López Couso, candidata a converterse na primeira rectora da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Rico estará á fronte da área de Compromiso Social, Benestar e Deporte, unha das doce áreas que conforman o equipo de goberno presentado por López Couso.
O equipo, que combina sete mulleres e catro homes procedentes de once centros diferentes da USC, tamén inclúe a Mónica López Peña (Campus de Lugo), Pilar Murias Fernández (Estudantes, Cultura e Lingua), Francisco Caamaño Isorna (Profesorado e Organización Académica), Jesús López Romalde (Investigación e Transferencia), Patricia Regal López (Oferta Formativa), María José Piñeira Martiñán (Planificación Estratéxica e Económica), María Jesús Giráldez Fernández (Proxección Internacional e Relacións Institucionais) e Antonio Mosquera González (Estratexia Dixital, Innovación Docente e Calidade). Marta Otero Crespo ocupará a Secretaría Xeral, mentres que Arturo González Quintela será o delegado da rectora para o sistema sanitario.
López Couso destacou que a súa candidatura busca "unha USC que escoite máis e mellor, e que integre o coñecemento que existe nos seus departamentos, centros, grupos de investigación e no estudantado". O lema electoral do seu proxecto, "Ti es a peza que falta", reflicte precisamente esa intención de implicar a toda a comunidade universitaria.
Xavier Rico subliñou a importancia de fortalecer a participación social e o benestar da comunidade universitaria, indicando que estas áreas serán prioritarias dentro da súa xestión. "É fundamental que a universidade non só forme, senón que tamén mellore a calidade de vida e o compromiso da súa xente", explicou o docente de Santalla.
A candidatura de López Couso marcará un fito histórico se consegue o respaldo necesario, ao presentar un equipo diverso e interdisciplinario que busca modernizar e integrar a USC desde distintos ámbitos de actuación.