Javier Losada insta a Alcoa a manter o emprego e a actividade industrial

TerraChaXa | AMariñaXa
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou a Alcoa a cambiar de actitude para conseguir o mantemento do emprego e a actividade industrial.
9 Jan 2019

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, instou a Alcoa a cambiar de actitude para conseguir o mantemento do emprego e a actividade industrial. Espera que a empresa paralice o ERE que acabaría con 700 postos de traballo na Coruña e Avilés (Asturias) durante seis meses, co obxectivo de buscar inversores durante ese periodo.
A preguntas dos xornalistas durante unha roda de prensa en Lugo, Javier Losada recoñeceu que o Goberno de Pedro Sánchez quería paralizar o ERE, pero a reforma laboral impulsada polo Partido Popular impediullo. "Atopámonos cunha reforma laboral que nos impide actuar como nos gustaría neste conflito", confesou.
Con todo, o Goberno xa actuou para dar resposta a "un problema que existía con este tipo de empresas". "Aprobamos un Real Decreto que se convalidou fai varias semanas no Congreso, que establece un novo marco e un novo Estatuto do Consumidor Electrointensivo. Permítense as subvencións, pero coa condición do mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial", abundou.
O Executivo deu onte "un ultimátum a unha empresa que non está traballando na procura de solucións". Javier Losada instou a Alcoa, como fixo o Goberno, a paralizar o ERE e dar unha marxe de seis meses para buscar inversores. "Necesitamos un cambio de actitude da empresa", proseguiu.
"Seguiremos negociando ata o final, ata o último minuto. Creemos que se pode dar resposta ás necesidades dos traballadores, que son as mesmas que as do Goberno: o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial. Con vontade e con espírito negociador pódese chegar a acordos", resolveu.

0.15959906578064