Javier Castiñeira dá un paso ao lado tras máis de 15 anos liderando o PP de Foz

Foz
AMariñaXa
O presidente local anuncia a súa renovación, mantendo o compromiso co partido e coa oposición ao goberno actual, mentres se busca un novo candidato para as próximas eleccións municipais
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
2 Jan 2026

O Partido Popular de Foz celebrou o pasado 30 de decembro a súa tradicional xuntanza de Nadal, un encontro que contou coa presenza de destacados cargos do partido, como a presidenta provincial Elena Candia, o senador José Manuel Balseiro, o delegado da Xunta en Lugo Javier Arias e o portavoz provincial Antonio Ameijide. Tamén participaron membros do Grupo Municipal Popular, do Comité Local e numerosos afiliados.

Durante o acto, o PP realizou un balance positivo de dous terzos de lexislatura, salientando unha oposición firme e constante fronte a un goberno local “sen rumbo” tras a ruptura do bipartito e o PSOE gobernando en solitario. Denunciouse o malestar veciñal pola falta de iniciativas e recordouse que proxectos como a depuradora de Foz avanzan grazas á Xunta e á tramitación impulsada polo anterior goberno popular.

No marco desta reunión, Javier Castiñeira anunciou que dará un paso ao lado como candidato á Alcaldía, tras máis de 15 anos e catro candidaturas, apostando por unha renovación do proxecto político local. Asegurou que seguirá traballando como presidente local e voceiro municipal, defendendo os intereses da veciñanza.

O partido xa iniciou a busca dun novo candidato ou candidata e das persoas que completarán a futura lista municipal, nun proceso aberto, serio e consensuado polo Comité Executivo Local. Elena Candia agradeceu o labor de Castiñeira e do grupo municipal, destacando a unidade, a dedicación e a importancia de recuperar o goberno de Foz cun proxecto renovado e centrado nas necesidades reais da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.075874090194702