Jaime Aguado será o novo titular da Capitanía Marítima de Burela

AMariñaXa
Jaime Aguado, que era inspector de Seguridade Marítima na Capitanía de Burela, asume a dirección esta semana en comisión de servicios
2 Ago 2022

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu o novo titular da Capitanía Marítima de Burela, Jaime Aguado Álvarez de Sotomayor, ao que lle desexou os maiores éxitos. Isabel Rodríguez destacou que o seu bo facer redundará en beneficio do colectivo de profesionais do mar.

A subdelegada felicitouno polo nomeamento para o cargo, que asume desde o 1 de agosto en comisión de servizos, e lembrou o importante labor que desempeña a Capitanía Marítima especialmente no referido á seguridade de mariñeiros e tripulantes de embarcacións de recreo.  Rodríguez pediulle que manteña sempre como máxima prioridade a seguridade dos profesionais do mar e tamén aproveitou para reiterar o seu agradecemento polos servizos prestados ao anterior capitán marítimo, Fernando Otero, que deixou o cargo por xubilación a mediados de xuño. 

Pola súa parte, o novo responsable da Capitanía Marítima agradeceu a confianza depositada nel e destacou a valía e profesionalidade de todo o equipo de persoal que traballa neste servizo, tanto inspectores, como coordinadores de inspección e seguridade, administrativos e resto de persoal da Capitanía.

Jaime Aguado Álvarez de Sotomayor é licenciado en Náutica pola Escola Técnica Superior da Mariña Civil da Coruña. Forma parte do Corpo Especial Facultativo da Mariña Civil desde 2017 e ata o momento desempeñaba o posto de inspector de Seguridade Marítima na Capitanía de Burela, ao que accedeu en 2021, logo de ocupar o mesmo posto nas capitanías de Avilés e Alxeciras.

0.20133399963379