J. Pedro Gómez: “Na miña paleta de cores sempre están os verdes de Viloalle”

Por Ana Somoza.
J. Pedro Gómez, artista mindoniense apaixonado pola acuarela, leva toda unha vida atrapado entre papel e pigmentos.
DEBUXO E VOCACIÓN. Dende moi novo, J. Pedro Gómez sentiu unha paixón profunda polo debuxo. “Debuxaba e debuxaba”, dixo nunha conversa tranquila, onde deixou claro que non se trata dun pasatempo ocasional, senón dunha necesidade vital. É un impulso constante, confesaba, que o acompaña en cada momento do día: observa o mundo con ollos de creador, sentindo a urxencia de plasmar cada escena nun papel.
A semente deste talento foi regada por encontros fortuítos. Un deles, insólito, foi cun vendedor de enciclopedias que, vendo os seus debuxos, lle explicou maxistralmente os fundamentos da perspectiva e os puntos de fuga. Aqueles bosquexos, que conservou durante anos, marcárono. Logo, no instituto de Mondoñedo, profesores como Puchades e Gacio guiárono nos seus primeiros pasos máis serios no debuxo. Aquel tempo, segundo lembra, deixoulle unha pegada fonda.
A pesar de non ter seguido un itinerario académico formal, J. Pedro define o seu proceso como unha aprendizaxe constante. “Sempre teño algo que aprender”, insiste. A condición de autodidacta obriga a superar dificultades: atopar as técnicas axeitadas, superar frustracións e aceptar as limitacións. Pero tamén lle dou a liberdade de explorar, falar con outros artistas, saír a pintar á rúa, intercambiar opinións. “Posiblemente a base de todo está nas ganas de aprender”, afirma con rotundidade.
“A transparencia e a espontaneidade da acuarela fan que cada obra sexa única, case imposible de repetir”
ACUARELA. A acuarela, para J. Pedro, non é simplemente unha técnica máis: é a que mellor lle permite expresarse. Encantado pola fluidez, a transparencia e a imprevisibilidade desta disciplina, salienta que o pigmento na acuarela “baila coa auga”, creando resultados máxicos e inesperados. Esta esencia mesma da acuarela, di, é o que a converte nun reto constante. Non obstante, recoñece que moita xente a considera unha das técnicas máis difíciles. “Dominar a humidade do papel é complicado”, explica.
A cantidade de auga inflúe no comportamento da cor, e aplicar o pigmento no momento xusto é determinante. Ademais, engade, pintar nun clima seco como o de Madrid no verán non ten nada que ver con facelo en Galicia. Por iso, asegura, hai que adaptarse constantemente, mesmo axudarse cun secador para controlar os tempos de secado. Outro aspecto que subliña é o manexo da luz: “Na acuarela nunca podes pintar unha cor clara sobre unha escura”. Por iso, para representar nubes brancas sobre un ceo azul, hai que deixar o branco do papel. Esa particularidade condiciona toda a composición da obra. “Hai que entender ese principio básico”, di.

PREMIOS. En marzo deste ano, J. Pedro Gómez foi seleccionado por segunda vez como finalista do Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura. A obra escollida, titulada Sintonía dourada, está inspirada no retablo da Virxe dos Ollos Grandes da Catedral de Lugo. Trátase dunha acuarela de gran formato (140 x 100 cm), un tipo de peza que comezou a traballar hai relativamente pouco.
“Este recoñecemento para min é algo moi grande”, admite emocionado. Non só pola visibilidade que supón expoñer na Casa de Vacas do Retiro, senón polo feito de que o xurado inclúa artistas como Antonio López ou Eduardo Naranjo. Malia a competencia feroz, a súa obra foi escollida entre máis de 500 propostas. “Hai días que hai cola para entrar”, comenta, deixando entrever o impacto desta exposición. Sobre a elección do retablo lucense, explica que a inspiración naceu dunha visita á Catedral. Quedou impresionado pola luminosidade da peza barroca. A súa pretensión era crear unha atmosfera onde o aire circulase, captar a grandiosidade da cúpula e o contraste dos espazos.
“O recoñecemento do Premio Reina Sofía foi algo moi grande, compartir espazo con artistas que admiro é difícil de explicar”
PROCESO CREATIVO. O traballo en ‘Sintonía dourada’ foi, segundo relata, un proceso laborioso. Comezou cun debuxo moi detallado a lapis, centrado nas perspectivas e o equilibrio da imaxe. Logo pasou á cor, comezando polas partes máis afastadas e rematando nos detalles do primeiro plano. Non adoita facer bosquexos previos, pero si probas de cor, especialmente cos dourados, para obter as tonalidades e sombras desexadas. Tamén destaca que adoita deixar as obras repousar uns días antes de darlles o toque final.
No tocante ao soporte, recomenda o uso de papel 100 % algodón de 300 gramos. “A idea de que o papel é delicado é relativa”, afirma, explicando que en grandes formatos pode ser máis fráxil durante o proceso, pero unha vez seco ten bastante resistencia. E resume: “Para dominar a humidade, o consello é pintar e pintar”.
INSPIRACIÓN. A natureza é o seu principal motor creativo. Os verdes, as luces e sombras, os reflexos: todo iso o fascina. “Os verdes son cores complicadas”, admite, e quizais por iso supoñen un reto que o motiva. A cor, a luz, a sombra... calquera elemento natural pode converterse nun motivo. Tamén recoñece que Mondoñedo, a súa terra natal, condiciona a súa obra. “Os verdes de Viloalle, a néboa, o río, o musgo... todo iso está presente”, asegura. A súa pintura busca, por riba de todo, transmitir serenidade. Cada pincelada é, como el di, “un intento deliberado de convidar á calma e ao acougo”. Pretende crear atmosferas onde o espectador atope un refuxio visual, un momento de introspección.
REFERENTES. Ademais de nomes consagrados como Goya, Sorolla ou Antonio López, J. Pedro cita a Castelao, de quen admira a súa faceta como debuxante. Tamén mostra simpatía polo surrealismo de Dalí e os seus debuxos a lapis. No eido da acuarela, di admirar a moitos artistas cos que mesmo tivo a sorte de compartir espazo en exposicións, malia que prefire non dar nomes para non deixar a ninguén fóra. Unha figura que lembra con especial agarimo é a de Ramón Guntín, artista de Vilalba que lle ensinou a gozar da plumilla. Grazas a el, aprendeu a sacar luz da escuridade da tinta, unha técnica que o conquistou.
VIVIR DA PINTURA. Cando se lle pregunta se é doado vivir da pintura en Galicia, a resposta é clara: non. “É un camiño arduo e cheo de incertezas”, recoñece. A irregularidade dos ingresos obriga a moitos artistas a buscar traballos máis estables. A competencia é feroz, e o mercado, impredicible. Ademais de talento, fáltalles visibilidade e apoio institucional. Aínda así, J. Pedro segue loitando. Ten unha páxina web onde publica e vende as súa obras.
En Mondoñedo, preto da oficina de turismo, tamén se poden adquirir acuarelas, marcapáxinas e outras pezas orixinais a prezos moi accesibles. Participa regularmente en exposicións. Actualmente ten obras expostas en Madrid: unha na Casa de Cantabria (Fragmentos de silencio) e outra no Centro Cultural Galileo (Mayólica). Ademais, prepara novas propostas para o certame de San Isidro.
FUTURO. De cara aos vindeiros anos, J. Pedro quere seguir explorando a acuarela, evolucionando e aprendendo. O seu soño é seguir pintando, compartindo experiencias e mantendo viva a paixón que o levou, de neno, a debuxar sen descanso. Non aspira á fama nin aos grandes escaparates, senón a seguir creando con honestidade, compartindo emocións a través da súa obra e atopando na acuarela un camiño de expresión persoal e liberdade. “Mentres teña mans para pintar e ollos para mirar, seguirei”, asegura. Porque para el, máis ca un oficio, a pintura é unha forma de estar no mundo.