Iván Vale, director artístico do Mariñaencanto: “É un encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, no que, durante tres días, 400 nenos e mozos conviven”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
ceip lois tobio Viveiro coro infantil
23 Mar 2024

Iván Vale Fraga, profesor do colexio Lois Tobío de Viveiro, é o director artístico do novo proxecto Mariñaencanto, un encontro de agrupacións escolares de canto.

Por Ana Somoza López.

Que é Mariñaencanto?

É un encontro de canto coral non competitivo no que participan 10 centros de ensino da Mariña e que contará con, aproximadamente, 200 nenos.

En que consiste?

A efectos prácticos terá lugar durante a fin de semana do 19, 20 e 21 de abril. Malia que o gran concerto no que poderemos desfrutar dos 200 nenos será o domingo 21 ás 12.30 horas no auditorio de Burela. O venres, a directora Elena Rosso, de Luanco, que ademais é directora dalgún dos coros dos mais potentes que hai en España, ensaiará con algunha das agrupacións nos seus centros educativos, e o sábado transportarémolos a todos ao auditorio para que ensaien xuntos. Ademais, contaremos con gradas no escenario para que todos os nenos sexan visibles.

Como se xestou esta idea?

Xurdiu a través de ver o que se facía en Ourense, co Ourencanto, que é un encontro de coros infantís, xuvenís e coros escolares, no que, durante tres días, 400 nenos e mozos conviven, participando nunhas xornadas de canto coral, coordinados por un dos compositores e directores máis relevantes do panorama internacional, e que finaliza cun gran concerto ofrecido por todos os participantes. Foi un proxecto pioneiro que busca fomentar e difundir o canto coral entre a mocidade.

Como se preparan os profesores e os nenos?

Pois durante o mes de xaneiro os mestres de 10 centros educativos da Mariña recibiron unha formación con Elena Rosso. Este profesorado aprendeu 10 obras as cales durante estes meses estiveron ensinando aos seus alumnos. Así, o día do festival, os nenos xuntaranse e cantarán estas obras baixo a dirección de Elena.

Para os nenos é unha oportunidade moi boa para traballar cunha directora de prestixio. E para os profesores é unha posibilidade de coñecer un repertorio de cancións que na súa maioría descoñecían, e sobre todo, facer un evento non competitivo de canto común que ao final nos parece moi boa idea independentemente de que tamén existan concursos ou festivais.

O importante é facer algo bo e de unión e, sobre todo, traer un evento así ata a Mariña e que está xa funcionando en Ourense e en Burgos e ter a posibilidade, mediante a fundación Bal y Gay, de facelo nun sitio aparentemente con menos posibilidades como é A Mariña.

Sobre que tratan estas 10 obras?

O espectáculo non so consiste en cantar, senón que tamén conta cunha narradora, Rebeca Palmeiro, que irá contando unha viaxe polo mar que parte de Europa ata América, Asia, Oceanía, África, etc, entón en cada punto o que chegamos cántase unha canción dese lugar.

Son cancións folclóricas e teñen a súa parte coreográfica e que fan os propios nenos. Por exemplo, en Xapón os nenos crearon os seus propios abanos con pratos de papel, en Oceanía cantarán de xeonllos e cunha coreografía bastante elaborada. É dicir, que non é so cantar.

Quen participará?

"Os beneficios que ten cantar son moitísimos, por exemplo os memorísticos porque cantamos todo de memoria, tamén a nivel motriz e de facer equipo, pois non é o mesmo cantar individualmente que en grupo"

Neste caso será o coro do meu propio centro o CEP Lois Tobío de Viveiro, que este ano conta cuns 50 nenos aproximadamente, dous coros do Conservatorio de Viveiro, que tamén ten unha formación xuvenil estable; logo os coros da Escola Municipal de Música de Foz e o do Sagrado Corazón de Ribadeo, así como os nenos do proxecto da Fundación Bal y Gay “Música no rural”. Ademais haberá participantes dos colexios de O Barqueiro, de Burela (Virxe do Carme e Vista Alegre), de Nois, e tamén vén o coro Cantiga de Ourense, porque estivo a creadora de Ourencanto na formación de xaneiro e animouse a vir co seu coro tamén.

Gustaríalle que fose un evento anual?

Si, de feito a nosa idea sería que se se repite cada ano puidese vir unha persoa invitada diferente, pois cremos que é moi enriquecedor. Normalmente en Ourencanto e en Burgosencanto faino a mesma persoa, Josu Elberdin, pero aquí pensamos en ter persoas diferentes. Pensamos que sempre é fermosos ter visións distintas do mesmo evento. Tamén sería estupendo abrirnos a máis centros educativos que quixeran unirse.

É bo cantar?

Por suposto. Os beneficios que ten cantar son moitísimos, por exemplo os memorísticos porque cantamos todo de memoria, tamén a nivel motriz e de facer equipo, pois non é o mesmo cantar individualmente que en grupo. Ademais está o tema da diversión, as amizades, o equipo… Para min as vantaxes son incontables.

E inconvenientes?

Para min non. No meu caso o que o máis me preocupa é que hoxe en día, a verdade, o tema da fonación é bastante deficiente, cantar debería ser un proceso natural parecido ao de falar e detecto que non é así. Eu estou moi atento sobre todo a forma de emitir os sons xa que realmente si que coas tesituras as que chegamos se poden facer dano se se fan mal, polo que é certo que hai que ter un mínimo de coñecemento de como funciona a voz ou de como facer unha emisión correcta para cantar.

En todo caso, aínda que non fose así, están mellor cantando nun coro con unhas certas normas de como se canta que berrando nun patio, por exemplo.

A canción sempre estivo moi presente na vida cotiá. Nos labores do campo, nas celebracións, etc. Segue sendo así?

Eu creo que o numero de xente que canta hoxe en día estase reducindo. Mesmo entre o profesorado de música en ocasións o canto é algo ao que lle dedicamos menos tempo que ao instrumental. No festival traballaremos con repertorio infantil e xuvenil que, aínda que sexa con compositores actuais, parten moito da música tradicional. Por exemplo, as veces adoitamos poñer cantos de labor e que son súper rítmicos, creados así obviamente para que todos fosen o mesmo ritmo no traballo.

Existen coros de adultos, pero apenas hai grupos corais infantil e xuvenís, non?

Correcto. Existen os coros escolares pero agrupacións infantís ou xuvenís que non dependan dun centro de ensino non coñezo ningún pola zona.
De feito, o que se pretende tamén con este evento é que nos centros de ensino nos que non hai agrupación e se lles parece boa idea, que se cree un coro. Porque realmente cantar en grupo ten uns beneficios que non son os mesmos que no canto individual. Hai xente que lle gusta cantar pero en grupo implica equipo, perder ti o teu espazo para darllo aos demais, algo que vai á contra do individualismo preponderante na sociedade actual.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18478298187256