Ítaca Teatro e o Grupo de Teatro A Mariña actúan esta fin de semana en Cervo

AMariñaXa
Os veciños e veciñas de Cervo poderán desfrutar esta fin de semana da arte teatral
itaca-teatro-Formigas-no-peto
Foto de Juan Rivas
18 Out 2024

Os veciños e veciñas de Cervo poderán desfrutar esta fin de semana da arte teatral. Este sábado é a quenda do Grupo de Teatro A Mariña que poñerá en escena a súa obra Teatro contra o bullying. Eres único no salón de actos do concello a partir das 19.00 horas como parte do circuíto de teatro afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Ademais, a compañía lucense Ítaca Teatro presentará, o domingo 20 de outubro, a súa peza Formigas no peto na Casa da Cultura de San Cibrao (O Cervo), dentro da Programación do Circuíto Profesional que organiza a Deputación Provincial de Lugo, neste caso, en colaboración co Concello de O Cervo. Formigas no peto é un espectáculo que mestura a narración oral co teatro de imaxes e co teatro de intérprete no que o protagonista Carlos Rebolo, Carlos, Carliños, Capi... conta, sinte, viaxa por momentos e lugares da súa infancia, que é, nin máis nin menos, a súa patria.

As súas lembranzas aparecen mesturadas con personaxes do cotián, que aportan outra mirada a súa historia, e con imaxes icónicas do cine ou da literatura, que evocan soños e pesadelos, os cales poderían ser unha metáfora da súa propia vida. Estes fragmentos de memoria viaxan no lombo das formigas que se agochan no seu peto e que, de cando en vez, transitan o corpo na procura de emocións. Formigas no peto mergúllanos na infancia, como cerne do noso ser, a través da memoria do protagonista, unha memoria que en parte podería ser a nosa, porque nela danse a man o individual e o colectivo, o que nos fai únicos e o que nos vencella cos demais.

0.15483093261719