Isidro Rodríguez, “O Core”, dará o pregón das festas do Conde Santo en Vilanova de Lourenzá

AMariñaXa
As celebracións comezan este xoves 28 de agosto e inclúen teatro, música e actividades para todas as idades
LOURENZA-Isidro-Rodriguez-pregon-Conde-Santo-2025
26 Aug 2025

Vilanova de Lourenzá prepárase para vivir unhas intensas festas do Conde Santo que se prolongarán desde este xoves, 28 de agosto, ata o luns 1 de setembro. O acto central da xornada inaugural será o pregón a cargo de Isidro Rodríguez Loredo, coñecido popularmente como “O Core”, que terá lugar ás 20:30 horas no Multiusos Ponte de Cuñas, tras a representación teatral Punto en boca: entre fíos anda o lío, de Raquel Crespo, programada para as 19:00 horas.

O pregón, segundo avanzou a organización, pretende ser un punto de encontro para veciños e visitantes, combinando humor, anécdotas locais e a tradición das festas, “unha maneira de poñer a comunidade no centro das celebracións”, sinalou O Core.

As actividades continuarán durante todo o fin de semana con propostas para todas as idades. O venres 29 está programado o Día da Bicicleta desde as 17:00 horas, e pola noite celebrarase a cea-baile Lenda do Conde no mosteiro de San Salvador, coa actuación gratuíta do grupo tributo a Joaquín Sabina, La Penúltima Sabinera, ás 23:30 horas.

O sábado 30 e o domingo 31 haberá unha ampla programación que inclúe saídas dos Cocos, cabezudos, misas solemnes, sesións vermú, mostras folclóricas e torneos de fútbol entre equipos locais. O luns 1 de setembro pecharase a programación coa saída dos Cocos ás 12:00 horas e a sesión vermú co dúo Epo-k ás 14:00 horas.

As festas están organizadas pola asociación Conde Santo, coa colaboración do Concello de Lourenzá e da Xunta de Galicia, e teñen como obxectivo ofrecer á veciñanza unha semana de lecer, cultura e tradicións locais.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.51664113998413