Irene Rega: “Gústame probarme en novos xéneros, aínda que non sempre saia ben”

A escritora Irene Rega Jul, nada en San Cibrao, continúa consolidando a súa traxectoria na narrativa galega tras ser recoñecida como finalista do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil coa súa obra Todo o que fixemos aquela noite. Cunha voz propia que combina intriga, intensidade e reflexión social, a autora afonda nesta entrevista nas claves dunha novela que mergulla nas consecuencias dunha decisión tomada na adolescencia. Rega Jul reflexiona tamén sobre o proceso creativo, a construción dos personaxes e o papel da literatura xuvenil, ao tempo que reivindica a importancia de contar historias desde o contexto máis próximo e en lingua galega.
Que supuxo para ti ser finalista do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil?
Por unha parte supón unha satisfacción persoal e un recoñecemento e posta en valor dun traballo que moitas veces dende fóra non se ve pero que leva un montón de tempo. Tamén o vexo como unha oportunidade e unha forma de indicarme que estou indo por bo camiño.
Eu dende logo que o tomo como unha forma de aprender, de animarme a seguir medrando e ir asumindo retos e abrindo portas nesta carreira como escritora.
Como naceu a idea de Todo o que fixemos aquela noite?
Do día a día. Todo partiu da idea dun grupo de rapaces que fixeron algo nunha noite tola na época adolescente, sen pensar nas consecuencias e encoraxados polo grupo, e logo as consecuencias no presente. O que máis tempo me levou foi decidir finalmente o que, pero como dixen, pensando no día a día e nas noticias non tardei en telo claro.
O xurado destaca a estrutura calidoscópica da obra. Como traballaches esa forma de narrar?
Adoito pensar moito nas circunstancias que levan a unha persoa a facer mal, e sempre pensei que a pertenza de grupo era algo terrible nese aspecto, como cambian ás persoas que en principio son “boas”, por chamalo dalgún xeito. O que fixen foi, con un grupo de catro protagonistas moi diferentes e con estruturas familiares e sociais moi diferentes, chegan a unirse unha noite, e en como o procesa cada un.
Eu creo que se trata dun exercicio potente e difícil de empatía, de poñerse na pel doutra persoa. Os catro rapaces: Bea, Paulo, Andrea e Martín non poden ser máis diferentes, e os catro toman o sucedido de forma moi diferente e ao mesmo tempo moi semellante. En cada punto da novela, logo de trazar a liña que quería seguir, o que fixen foi ir pensando como cada un, e como supoño que faría unha persoa con ese pasado e esa mentalidade. Outra voz narrativa é a inspectora que leva o caso, que en partes se ve como unha voz máis obxectiva, pero que non tarda tamén en tomar partido do que vai pasando.
Que retos atopaches á hora de construír un thriller dirixido ao público xuvenil?
Paréceme moito máis difícil escribir para a rapazada que para adultos, pero como xa dixen, a min gústanme os retos, e gústame probarme, logo se sae ben ou mal é outra cousa... Gústame cambiar xéneros, probar con rexistros novos e con outras formas de contar coas que non estou cómoda. A maioría serven como exercicios de escritura que como algo creativo, pero de vez en cando saco cousas que me satisfán o suficiente como para probar sorte.

A novela xira arredor dunha morte inesperada. Que papel xoga o misterio na túa escrita?
As miñas outras dúas novelas en galego publicadas, tamén pola editorial Galaxia, son de xénero negro, de investigación arredor de crimes, que para ler é un dos meus xéneros preferidos. Esta comeza co regreso de Bea, Paulo e Andrea pola morte de Martín, como lles deron a noticia, a súa vida ata o momento, como era el, e pouco a pouco que pasou aquela noite. Eu creo que o misterio é unha boa forma de achegarse á literatura, a min de rapaza encantábame ler novelas de aventuras e misterios, recordo con especial cariño as dos cinco.
Como definirías os personaxes da obra? Hai algún co que te sintas especialmente identificada?
Son todos completamente diferentes, dende a familia de cada un, ao nivel social e económico e a todo o que aspiran na vida. Por un lado eu creo que me identifico con Martín, que o considero como o máis empático, o que non pode seguir co peso do que fixeron, a pesar de ter participado, e o run run que ten sempre na cabeza, que eu lle dou mil voltas a todo. Bea tamén ten os seus mais, é máis práctica e pensa máis en todo, intenta buscar solucións a todo, pensa rápido e é máis pragmática. Simpatizo moito coa inspectora, que intenta saber o por que de todo, pensa durante un montón de tempo os motivos que poden levar a unha persoa a actuar así que, ao fin e ao cabo, foi como empecei eu a pensar esta novela. Pero aínda con Paulo e Andrea, os que considero máis diferentes a min mesma, me podía identificar, na forma en que protexen aos seus e pensan frío en momentos de tensión, quizás.
Eu creo que cando estás escribindo esforzándote por empatizar e por simpatizar con todo o mundo, acabas encontrando puntos de unión ata cos personaxes que menos pensarías.
Ata que punto está presente a túa experiencia persoal na historia?
Considero que non é tanto a experiencia persoal como a sociedade e vivir nela cos ollos abertos. Non falo de experiencias miñas nin de nada que eu vivira, pero si do que vexo como persoa que está no mundo, como se actúa en manada, o poder do grupo cos máis vulnerables, sobre todo poñendo en valor ou no foco o que me preocupa.
Nas túas obras adoitan aparecer elementos de reivindicación feminista. Como se integran neste relato?
Pensei moito en que quería plasmar nesta novela, e non considero que nesta en concreto teña no foco o que é a reivindicación feminista en si (quitando que sempre intento crear personaxes feministas fortes, non incluír estereotipos ou elementos misóxinos), nesta máis ben tiro polo social, dos problemas que nos unen como sociedade e de outras moitas fobias que nos matan como humanos.
Aínda así considero que unha forma de ser feminista tamén é a de escribir sempre personaxes fortes e diversas, que se afasten do hexemónico, que non corresponda sempre ao mesmo perfil —necesariamente branco—, que amplíen as miradas.
“Cando escribes acabas atopando puntos en común con todos os personaxes”
Cres que a literatura xuvenil galega está vivindo un bo momento?
Tristemente o que é o galego en xeral na rapazada un bo momento non é que viva, pero creo que con contido interesante na cultura (música, no eido audiovisual, literatura, arte... incluso influcencers e redes sociais) logremos que cada vez máis mocidade opte por consumir os contidos na nosa lingua. Se lles ofrecemos cousas interesantes, variadas, que teñan opcións de moitos xéneros, eu creo que é unha forma de atraer neofalantes e os que cambian a castelán pola presión social. Nisto tamén ten moito que dicir o gañador do certame, Álvaro Domínguez, que polo que vin a súa obra trae o que é a dark academy, que non hai máis que best sellers noutros idiomas e eu, polo menos, non é que vira nada na nosa lingua. Ou o gañador do ano pasado, Gabriel Romero de Ávila, que con odio trouxo unha novela encadrada como thriller futurista distópico. Paréceme interesante traer propostas para a rapazada de fantasía, ciencia ficción, románticas, distópicas... que podan ter onde escoller.
Eu dende logo son positiva co futuro da nosa lingua, creo que hai rapazada disposta a seguir apostando por usar o galego, e que con propostas boas podemos atraer a máis.
Que referentes literarios influíron na túa traxectoria?
As persoas que máis influíron na miña vida no eido literario foi a miña familia directa, sobre todo meus avós, que de todo nos sacaban historias cando eramos nenos, e nos ensinaron co exemplo, que é o máis importante. Na miña casa non hai máis que libros por todas partes, eles lían e líannos, miña nai tamén é ávida lectora, e esa é a clave para formar lectores.
En canto a outros escritores e obras eu medrei cos cinco, recordo que mos lían cando eu aínda non sabía e logo recordo comezar a lelos eu. Eran exemplares vellos, de miñas tías e miña nai aos que se lles caían as follas polo uso e cheiraban xenial, logo compráronme máis, son os que máis me recordan á miña infancia. Logo no instituto impactoume un montón a escrita de Domingo Villar, con ollos de auga, creo que foi a primeira vez que pensei en que eu quería facer o mesmo, e da época do instituto tamén estaba a cabeza da medusa, de Marilar Aleixandre. Teño sempre na miña biblioteca as novelas de Antía Yáñez, de Arantza Portabales, Pedro Feijoo, Ledicia Costas... En castelán gústame especialmente Lorenzo Silva, e ultimamente afeccioneime a Joël Dicker.
Inflúe dalgún xeito a túa orixe en San Cibrao nas historias que creas?
Si, dende logo. Eu recordo ler cando era pequena ou moza e non ver historias da nosa zona, todo o que lía estaba ambientado na provincia de Pontevedra ou en Santiago, e eu quería atoparme con lugares coñecidos. Por esa razón ambientei a Malferida en Viveiro e Tecendo redes en Lugo. Esta, aínda que non poño ambientacións con nome ou fale da vila, na miña cabeza tamén é viveiro.
Hai elementos da vida en San Cibrao que se coen, directa ou indirectamente, na túa obra?
Pois non sei, quizais tiro sempre por introducir ditos ou metáforas mariñeiras, gústame poñer ás personaxes a pasear por preto de elementos naturais, a min encántame ir pasear á ribeira, por exemplo, ou polo monte. Encántame pasear e cheirar a herba mollada ou a brisa salgada, e mentres paseo penso moitas veces do que escribo, e algunha vez póñolles ás personaxes esta mesma manía.

Despois de premios como o Illa Nova ou o Vilar Ponte, como vives este novo recoñecemento?
Un premio é sempre unha forma de partir moi boa, un recoñecemento que pon ao libro na palestra moito antes de que saia e que crea unha expectativa. Para min ser a gañadora deses dous premios e ser agora a finalista do Neira Vilas é unha honra tremenda e espero estar á altura.
A miña maior ilusión é vela publicada, e poñela en certames é sempre unha forma de saber se é boa sen expoñerte a ter que enviala directamente. Pensar niso a min, persoalmente, cústame. Ter a oportunidade de mandala de forma anónima axuda a dar ese paso.
Dende logo que estou moi agradecida a todos os xurados que confiaron en min para os galardóns, e á editorial por poñer todo o empeño e coidado nas novelas que lles confío, e por todo o capital humano que traballa en cada obra; nestes libros a cara visible son eu, pero hai moita xente traballando detrás e para que saia todo ben.
En que cres que evolucionou a túa escrita desde A malferida e Tecendo Redes?
En que me atrevo a probar novas cousas, noutros xéneros, outro público. Creo que tamén na construción de personaxes e na forma de narrar, ou iso espero, ha ha. Se non se cambia e se evoluciona, malo.
Que che interesa explorar nas túas próximas obras?
Eu probo moito, aínda que da maioría non pase de dúas páxinas, gustaríame moito intentar elementos cómicos, con algo dirixido á cativada, e tamén romántico, por que non.
Que lle dirías á xente nova que quere comezar a escribir en galego?
Que o intente sen medo, que se non sae ben á primeira será á segunda, ou á decimo quinta, que iso non importa. E, sobre todo, que lea moito, todo o que poda; que abra os ollos ao mundo, que estea atenta ao que pasa, ao que se di, a como se fala, ao que sinte...