Invisten máis de 200.000 euros na mellora das vías de Cervo
O Concello de Cervo finaliza os traballos de mellora das arterias de comunicación do núcleo de Cervo co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nesta zona tan transitada. Tal e como explicou a alcaldesa, Dolores García Caramés, a obra “afectou á Avenida de Galicia e á rúa Xosé María Cao, no tramo avenidae Galicia-Centro de Saúde, cuxo ámbito de actuación supera os 7000 m2 e supuxo un orzamento que supera os 200.000 euros procedentes de fondos propios do remanente de tesourería”.
Deste xeito, invertíronse 212.134,78 euros na mellora do firme, na accesibilidade e tamén da rede de saneamento, en varios tramos da zona. Os traballos consistiron na renovación do firme, mellorando as condicións para a circulación rodada, na renovación da sinalización horizontal e do mobiliario urbano; e tamén se fixo unha distición do tráfico rodado e do peonil ante o edificio municipal do GES e da Policía Local mediante a execución de beirarrúas.
Así mesmo, procedeuse á eliminación parcial da rotonda central existente na avenida de Galicia para posibilitar o cruce dos vehículos que circulen en sentido descendente pola avenida cara a rúa do Vilar, coa correspondente renovación da rede de saneamento nesa zona. Caramés precisou que con esta actuación incidimos tamén no concepto de humanización, como vimos facendo en todas a novas actuacións que levamos a cabo; “co obxectivo de facer as nosas vilas máis accesibles e seguras para a veciñanza”.