Invisten 98.500 euros na mellora dos camiños das parroquias de Nois e Fazouro, en Foz

AMariñaXa
O Concello de Foz investiu máis de 98.
raxal_fazouro_foz
4 Maio 2024

O Concello de Foz investiu máis de 98.500 euros na mellora de distintos viais nas parroquias de Nois e Fazouro. As obras foron executadas con cargo a fondos da Deputación de Lugo, pertencentes ao Plan Único 2023, grazas á aportación do Ministerio de Agricultura, Unión Europea, Xunta de Galicia e Concello de Foz, dentro do plan de camiños do Agader 2023-2024 e tamén pola colaboración de medios propios do parque de maquinaria da Deputación de Lugo.

En Nois, por un importe de máis de 22.000 euros, aglomerouse parcialmente e renovouse con asfalto o camiño de subida ao barrio de Trasmonte desde a estrada provincial LU-P-2007. Ademais mellorouse o firme con aglomerado en quente con cargo a fondos do Agader -23.600 euros- o vial que une o barrio do Apeadoiro coa estrada nacional e a súa continuación ata a estrada provincial polo centro social de A Saira. As obras completáronse con sinalización vertical, sinalización horizontal e a defensa no tramo máis perigoso.

“O firme na subida a Trasmonte estaba moi deteriorado, por ser unha vía moi empregada para a saca de madeira. Ademais, renovamos a drenaxe con dúas taxeas que estaban en moi mal estado. A Saira é o centro de reunión da parroquia e cremos que con esta actuación facilitamos moito os desprazamentos dos veciños”, explica o alcalde, Fran Cajoto.

Outras actuacións proxectadas, neste caso con cargo ao Plan de Mellora de Camiños do Agader 2024-2025, é a mellora de firme con aglomerado en quente do vial que une a subida a Cabanas con Cendín - Cabeceira da Veiga. En Fazouro, por un importe de 10.700 euros con cargo a fondos do Plan Único 2023, mellorouse o firme do camiño do Raxal cun dobre tratamento superficial asfáltico.

Ademais, grazas ao traballo dos equipos de terras e de rega asfáltica do parque de maquinaria da Deputación de Lugo, mellorouse o firme de máis de 1,3 quilómetros de camiños nesta parroquia: na zona da Granda, na subida a Lousada, no camiño da Veiga de Pardiñas e no camiño do Caldouceiro. O alcalde agradece “o apoio da Deputación de Lugo, que nos permitiu investir na mellora da rede viaria de Fazouro, en zonas tan deterioradas como O Raxal”. Con cargo a fondos do Agader 2024-2025 van aglomerar en quente “o vial que une o barrio do Morgallón coa igrexa de Fazouro, que se encontra en moi mal estado, e a completar cunha dobre rega asfáltica o camiño de ferradura que conecta a Xunqueira con Vilarmea”.

0.34230399131775