Invisten 80.000 euros na mellora do acceso ás Catedrais

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, destacou a importancia de coidar e protexer este espazo natural, que é un dos principais atractivos turísticos
melloras-Catedrais
27 Ago 2024

O Concello de Ribadeo iniciou traballos para mellorar o entorno e o acceso á praia das Catedrais, cun investimento inicial de 80.000 euros. O alcalde, Dani Vega, destacou a importancia de coidar e protexer este espazo natural, que é un dos principais atractivos turísticos da comarca.

Vega sinalou que a actuación inclúe a reparación do pavimento deteriorado, a reposición de pedras, a reparación de muros e a instalación dunha valla de dobre corda de máis de 380 metros de lonxitude para limitar o acceso a zonas perigosas e preservar a vexetación autóctona. Estas medidas buscan garantir a seguridade dos visitantes e protexer o medio ambiente da zona.

Ademais, o rexedor explicou que, en colaboración coa Xunta de Galicia, se está a traballar para mellorar a sinalización da área, buscando ofrecer información máis clara e eficaz aos turistas. Este esforzo é parte dun plan máis amplo que tamén inclúe a reparación dos muros do aparcadoiro e das zonas de servizos, así como a mellora dos accesos á praia.

Vega subliñou que esta é só a primeira fase dun proxecto máis ambicioso, que incluirá a mellora do paseo e dos aparcadoiros ao redor da praia das Catedrais. "Este é un primeiro paso neste ano de goberno, pero xa estamos traballando en distintas liñas para seguir preservando e mellorando este espazo natural tan importante", concluíu.

0.12463402748108