Invisten 70.000 euros na mellora das proximidades das praias de Esteiro, As Illas, Os Castros e do Cargadeiro
Adxudicadas as obras de mellora nas contornas das praias de Esteiro, As Illas, Os Castros e tamén no Cargadeiro, en Ribadeo. O investimento ascende a 70.000 euros e será sufragado integramente pola Xunta de Galicia e os traballos darán comezo nos vindeiros días. “Despois de todo un traballo feito, unha xestión fundamental para investir nos nosos espazos naturais, puntos turísticos importantes para Ribadeo como é Esteiro, As Illas, Os Castros ou o Cargadeiro, a Xunta de Galicia vai a poñer o 100% do orzamento, en consecuencia non vamos ter que investir de fondos propios, de fondos municipais”, explica o alcalde, Dani Vega.
Nos próximos días, empezarán a actuar para conservar, para reparar todos estes espazos. “Falamos de reparación de bolardos de madeira, substituílos por novos, a reparación de traveseiros, tamén a reparación de pilastras de pedra, substituír todos eses puntos que están deteriorados. Hai que actuar tamén en puntos claves, como son os servizos, os espazos de fontes... que están realmente abandonados. Temos a obriga de traballar para que puntos claves turísticos estean en bo estado. Tamén é importante actuar nos aparcadoiros, xa que vemos que hai un deterioro importante”.
Os traballos tamén se sucederán no Cargadeiro, “en toda esa madeira desgastada, incluso moitas táboas xa faltan, e vese tamén un deterioro na iluminación, no entorno do todo ese espazo, que necesita papeleiras”. Trátase de poñer ao día estes espazos, desde un punto de vista natural, da conservación do noso medio natural, “pero tamén son puntos claves, puntos turísticos que debemos conservar”. Continúa, deste xeito, o traballo en colaboración coa Xunta de Galicia “que para nós é moi importante. Dende logo, seguimos actuando, seguimos traballando e seguimos mellorando o Ribadeo que queremos”.