Invisten 232.000 euros na mellora do colexio do Vicedo

AMariñaXa
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar obras da eficiencia enerxética e outros traballos no CEIP do Vicedo,
obras ceip o vicedo
22 Mar 2022

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar obras de mellora da eficiencia enerxética e outros traballos de acondicionamento xeral no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do Vicedo, nos que inviste 232.300 euros.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen visitou hoxe o centro escolar para abordar co equipo directivo os detalles do proxecto, que inclúe actuacións no bloque principal e no de infantil.

No primeiro está previsto substituír as carpinterías exteriores das plantas baixa e primeira por unhas de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia. Tamén se illará a fachada polo exterior con sistema tipo SATE e se dotará de illamento térmico o forxado de baixo cuberta. Igualmente, mudaranse baixantes e canlóns.

Así mesmo, instalarase falso teito rexistrable nas aulas e cambiarase o sistema de iluminación por outro tipo LED de menor consumo. Pintaranse ademais os paramentos afectados polas obras; renovaranse carpinterías interiores e reformaranse os aseos do alumnado no baixo e no primeiro andar.

No tocante ao bloque de infantil, reformaranse os baños das aulas na planta baixa e substituirase a cuberta no módulo de aseos.

As obras compatibilizaranse co normal desenvolvemento da actividade escolar e en todo caso garantirase a máxima seguridade do alumnado e do persoal que presta os seus servizos no centro. En principio, estímase un prazo de execución de tres meses.

Arias destacou que a Xunta estuda as necesidades das instalacións educativas da provincia de Lugo “e planifica tanto pequenas obras para emendar as deficiencias propias do paso do tempo, como actuacións de maior contía co fin de converter os colexios e institutos en espazos multifuncionais, más sostibles, ventilados e seguros desde o punto de vista sanitario, aplicando os criterios do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”, indicou.

0.11054921150208