Investiranse 2 millóns de euros no dragado da ría de Ribadeo

AMariñaXa
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, considera fundamental para o futuro da ría e da vida económica do porto o dragado que levará a cabo a Xunta de Galicia.
191023 Foto visita Villares 1
20 Out 2023

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, considera fundamental para o futuro da ría e da vida económica do porto o dragado que levará a cabo a Xunta de Galicia. Ademais, haberá melloras na iluminación e no mantemento e conservación de todo o peirao.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou Ribadeo para anunciar “a maior inversión de toda a comarca por parte da súa Consellería”. En total, para o porto do Concello destinaranse 2 millóns de euros para o dragado da ría “polo que levamos loitando moito tempo, tanto o sector coma noutros xa desde a oposición”.

Nese senso, Vega quixo destacar que el mesmo presentou varias proposicións non de lei no Parlamento de Galicia “esixindo esa inversión fundamental para o futuro da ría e tamén para o futuro da vida económica do porto”.

Para el era importante que o porto comercial tivera ese dragado, tamén o porto pesqueiro e o porto náutico deportivo, de tal xeito que a inversión supón que dende o Goberno local non corran o risco “de perder ningunha empresa no porto e iso é fundamental, prioritario e importante”.

O alcalde ribadense manifestou que teñen en conta que tras ese proxecto “tamén haxa inversión para iluminar a entrada do porto de Mirasol, que levamos tamén reivindicando moito tempo e un adecentamento e conservación de todo o porto de Ribadeo. Imos cambiar as macetas, imos modernizar todo o porto”.

Para o alcalde, o fundamental é “abrir as portas da inversión a Ribadeo, xestionar, traballar e que todas as administracións invistan no noso pobo. Imos seguir nesa liña de colaboración e de xestión con todas as administracións”.

0.14239096641541