Investirán 375.000 euros na mellora dos locais dos armadores no porto de San Cibrao
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o futuro acondicionamento do edifico dos locais dos armadores no porto de San Cibrao, no municipio lugués de Cervo, no que a Xunta de Galicia vai investir o vindeiro ano 375.000 euros. O titular de Mar fixo estas declaracións durante unha visita ao porto cervense na que tamén resaltou o impacto positivo destas melloras nas condicións de traballo dos profesionais do mar desta zona.
Alfonso Villares sinalou que o proceso de licitación se atopa moi avanzado por parte de Portos de Galicia rematando o pasado día 29 o prazo de presentación de ofertas para este proxecto polo que se vai actuar nos tres edificios de locais de armadores do porto -10 locais en total- abordando, entre outros traballos, a substitución das cubertas, baixantes e canalóns e a pintura das fachadas, entre outros melloras, mellorando a integración e reducindo as necesidades de mantemento.
O responsable de Mar destacou o esforzo inversor do Goberno galego que tamén vén recollido nos Orzamentos 2024 con novas actuacións noutros portos da Mariña lucense como os de Burela, Foz ou Ribadeo e que amosan súa aposta decidida por seguir traballando na progresiva renovación e mellora das infraestruturas portuarias autonómicas e dos edificios de traballo do sector profesional optimizando o seu uso operativo e facilitando o desenvolvemento da actividade pesqueira por parte dos profesionais do mar.