Investigación mariña con acento lucense e de impacto global

Por Ana Somoza.
Unha teca con forma de repolo, un nome en latín e moita emoción científica. A investigadora María García Portela describe Thecadinium brassicum, unha nova microalga atopada na praia do Vao, que engade unha peza ao complexo crebacabezas da biodiversidade mariña.
ORIXE DO ACHADO. A historia comezou entre os grans de area da praia do Vao, en Vigo, durante unha campaña de recollida de sedimentos enfocada no estudo dos dinoflaxelados bentónicos. A investigadora lucense María García Portela, integrante do departamento VGOHAB do Instituto Español de Oceanografía, relata que foi nese lugar onde, ao observar as mostras ao microscopio, viron algo que non cadraba: “Tiña unha morfoloxía moi particular, non se parecía a nada coñecido”.
Segundo explica, nese momento comezaron a sospeitar que podía tratarse dunha nova especie. A primeira reacción foi de cautela. “Nestes casos hai que ser moi prudente”, asegura. Iniciaron un proceso meticuloso para confirmalo: “Realizamos unha análise xenética comparando rexións do seu ADN ribosomal coas doutras especies coñecidas”. A iso sumaron unha descrición morfolóxica detallada, empregando tanto microscopía óptica como electrónica. Finalmente, todo apuntaba ao mesmo: estaban ante unha especie descoñecida para a ciencia.

FORMA E NOME. Cando chegou o momento de darlle nome, a forma do organismo inspirou a elección. “O máis distintivo é a teca na zona apical, que lembra un pouco a un repolo”, explica Portela. Ese foi o motivo de escoller o nome Thecadinium brassicum, facendo referencia ao xénero das brassicaceae.
Non só a teca resultaba particular. O patrón das placas que conforman a súa cuberta tamén era único, e o cíngulo —a especie de “pescozo” da célula— presentaba un lixeiro desprazamento ascendente con respecto a especies próximas como T. kofoidii ou T. pseudokofoidii. Curiosamente, engade a investigadora, “os exemplares recollidos en Galicia resultaron ser algo máis pequenos ca os recollidos posteriormente en Cataluña”. Atribúe esa diferenza a factores ambientais: temperatura, salinidade ou tipo de sedimento.
IMPORTANCIA CIENTÍFICA. Descricións coma esta non son só cuestións taxonómicas. Para Portela, cada nova microalga descuberta “é unha peza máis no grande crebacabezas da biodiversidade mariña”. Subliña o papel esencial que xogan estes organismos: “Producen osíxeno, forman parte da base da cadea alimentaria e poden ter aplicacións ecolóxicas, médicas ou industriais”.
Neste caso concreto, Thecadinium brassicum non representa ningún risco para a saúde humana. “Non é unha especie tóxica”, aclara. Porén, insiste na importancia de estudalas con detalle, xa que outros dinoflaxelados si poden producir toxinas. Investigar este tipo de organismos permite tamén perfeccionar os sistemas de vixilancia mariña. “É fundamental para prever riscos e evitar problemas futuros”, afirma.
ESTUDO DETALLADO. Para analizar a especie, empregaron diversas técnicas punteiras. A observación inicial fíxose con microscopía óptica, pero foi a microscopía electrónica de varrido (SEM) a que permitiu examinar as estruturas celulares con precisión. Ademais, realizaron unha PCR sobre unha única célula (single-cell PCR) e secuenciaron distintas rexións do ADNr, co obxectivo de comparar a nivel molecular coas súas parentes máis próximas.
Portela sinala que este tipo de análises son complexas pero cada vez máis accesibles grazas ao avance tecnolóxico. “A xenética ofrécenos unha ferramenta potentísima para distinguir especies que, morfoloxicamente, poden parecer moi semellantes”, afirma.
RICA CONTORNA. Galicia, asegura a investigadora, é un lugar ideal para facer este tipo de descubrimentos. “A nosa xeografía, o afloramento costeiro e a variedade de hábitats mariños crean as condicións perfectas para atopar especies pouco estudadas”, explica. Lembra que moitas destas microalgas viven nos sedimentos ou pegadas a outras superficies, e que a súa pequena dimensión fai que moitas pasen desapercibidas. “Hai moitísimo por descubrir baixo a nosa costa”, insiste.
O achado foi posible grazas á colaboración de varias institucións. Portela destaca o papel do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), onde traballa, así como o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas (AESAN) e o Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC). A sinerxia entre estes centros foi clave para chegar á descrición definitiva da nova especie.
“Galicia é unha rexión riquísima en biodiversidade mariña, grazas á súa xeografía, ao afloramento costeiro e á variedade de hábitats”
PROXECTOS EN CURSO. O achado de T. brassicum non é un feito illado. Forma parte dunha liña de investigación máis ampla que se desenvolve no departamento VGOHAB do IEO-CSIC en Vigo, onde participan en varios proxectos de ámbito nacional e europeo. Entre os máis destacados está BIOTOX (2023–2026), que analiza as interaccións entre microalgas nocivas como Alexandrium minutum, as súas bacterias asociadas e compostos bioactivos procedentes das pradeiras de Zostera. “É un proxecto moi ambicioso que combina ecoloxía mariña e biotecnoloxía”, comenta Portela.
Outro proxecto importante é CIGUAADAPT, que estuda a presenza de especies do xénero Gambierdiscus —responsables da ciguatera— nas augas españolas. E tamén participan en MARINNONET, unha rede transfronteiriza centrada na biotecnoloxía mariña. A maiores, o equipo forma parte do proxecto RADIALESNorte, un observatorio oceanográfico que desde 1988 realiza seguimentos en cinco puntos do Cantábrico e o Atlántico: Santander, Xijón, Cudillero, A Coruña e Vigo. “É un traballo continuo, que nos permite observar cambios a longo prazo nos ecosistemas mariños”, sinala.
“Os exemplares recollidos en Galicia resultaron ser algo máis pequenos ca os recollidos posteriormente en Cataluña, posiblemente por diferenzas ambientais”
NOVAS XERACIÓNS. Portela considera que o futuro da investigación pasa polas novas xeracións. “Son fundamentais. Chegan con ideas frescas, formación moi sólida e unha sensibilidade ambiental enorme”, destaca. Vese a si mesma como parte dunha xeración ponte: formouse nun momento de transición e agora colabora con mozos e mozas que manexan con soltura as novas tecnoloxías e están comprometidos coa sustentabilidade.
Entre os retos que identifica para a ciencia mariña en Galicia, menciona a falta de financiamento estable e a necesidade de mellorar a transferencia do coñecemento á sociedade. “Non chega con publicar artigos; hai que facer que a información chegue á xente e ás administracións”, di. Tamén ve imprescindible atraer e reter talento: “Hai moita xente moi boa que acaba marchando por falta de oportunidades”.
INFANCIA LUCENSE. María García Portela naceu en Lugo, onde cursou estudos no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Conta que a súa conexión co mar non viña da familia nin do entorno inmediato. “Sempre me gustou a natureza, pero o mar comezou a fascinarme durante a carreira de Ciencias Ambientais en Salamanca”, explica.
Foi alí onde escoitou falar por primeira vez das microalgas tóxicas. “Parecéronme algo misterioso e apaixonante”, lembra. Ese interese levouna a especializarse na súa investigación, e finalmente, en 2014, comezou o seu doutoramento en Vigo, no departamento de microalgas nocivas do IEO.
“Cada nova especie que se describe é unha peza máis no grande crebacabezas da biodiversidade mariña”
UNHA PAIXÓN DIARIA. Do seu traballo actual no Oceanográfico de Vigo, destaca a posibilidade de “aprender algo novo cada día” e de “achegar unha pequena contribución ao coñecemento mariño”. Tamén valora o feito de traballar cun equipo apaixonado e con acceso a proxectos científicos de gran alcance. “Hai unha motivación compartida, un desexo común de entender mellor o que pasa nos nosos océanos”, afirma.
UNHA MIRADA AO FUTURO. Cando se lle pregunta que lle gustaría conseguir no futuro, responde sen dubidar: “Seguir investigando e formando parte de proxectos que teñan impacto social e ambiental”. E engade que a súa prioridade é que o coñecemento non quede pechado nos laboratorios, senón que se converta en ferramenta útil para a sociedade.