Instalado o contedor xigante da Campaña Recicla e Únete ao Reto en Burela
O Concello de Burela informa á veciñanza de que xa está instalado o contedor xigante da Campaña Recicla e Únete ao Reto na que participa xunto con outros doce concellos galegos para conseguir incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros nun 10% desde hoxe ata o 31 de maio. O pobo que consiga chegar ao obxectivo opta a un premio de 2.000 euros para facer unha doazón social.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, fixo un chamamento á veciñanza “para que participen e se impliquen con esta iniciativa botando neste contedor todos os seus envases lixeiros, como latas, bricks ou recipientes de plástico”. A edil explicou que “desde o concello non dubidamos en sumarmos ao reto de Ecoembes e da Consellería de Medio ambiente, un proxecto que levamos desenvolvendo desde o pasado mes de marzo e que agardamos que teña boa acollida por parte dos veciños”.
A través da colaboración cidadá “podemos conseguir incrementar nun 10% a reciclaxe destes residuos con respecto aos recollidos no mesmo período do ano pasado e conseguir o premio de 2.000 euros”, subliñou a edil, incidindo en que “estes cartos serían destinados a algunha causa social de Burela”.
Tras as visitas no pasado mes de marzo ao comercio e hostalería local para conciencialos da necesidade de reciclar e informar da campaña, “agora chega o momento de actuar e de buscar unha implicación que consiga ao mesmo tempo reducir a contaminación e conseguir aportar unha achega económica a algún dos colectivos que o precisa”.