Iniciadas as obras de abastecemento de auga ao burgo de Trasbar, na parroquia cervense de Castelo
Nesta segunda fase do proxecto, que rematará coa distribución de auga a todo o núcleo de poboación, executaranse 2.300 metros de canalización.
Iniciadas as obras que van dotar dun sistema público de abastecemento de auga ao burgo de Trasbar, na parroquia de Castelo e que contan cun orzamento de 133.020 euros.
O proxecto, que consta de tres fases, ten por obxecto a dotación do subministro de auga potable ao núcleo de Trasbar, mediante a conexión coa rede xeral de auga existente. Nunha primeira fase, completouse a o tramo que vai desde A Senra ata a igrexa de Castelo; nesta segunda fase executarase a canalización do tramo que vai desde as inmediacións da igrexa ata a mesma entrada do burgo, cunha lonxitude de 2.300 metros; e a continuación levarase a cabo a terceira fase, e definitiva, que será a de distribución de auga.
Este proxecto segue a liña argumental do equipo de goberno de levar o abastecemento de auga e saneamento a todos os puntos da xeografía municipal, tentando equilibrar a balanza de condicións das zonas rurais coas urbanas.
O rexedor precisou que “levabamos xa un tempo traballando conxuntamente na posta en marcha desta prestación para que os habitantes da zona rural de Trasbar podan acceder a este servizo público en condicións de calidade e seguridade”.
“Desde o noso equipo de goberno traballamos para chegar a todos os puntos da xeografía do noso municipio e tentar equilibrar o nivel de servizos das zonas rurais coas zonas máis urbanas” engadiu o rexedor.
Por último, o alcalde quixo apuntar que “estas inversións nas zonas rurais elevan o nivel de calidade de vida da veciñanza e poden servir de incentivo para moitas persoas que podan ter pensado establecerse no noso municipio”.